PROXECCIÓN DAS PEZAS RESULTANTES DA MICESCOLA

18 de abril de 2024.- Esta mañá proxectáronse no Auditorio do Museo Pobo Galego as pezas resultantes da MICEscola, a iniciativa da 19ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego para achegar ao alumnado de secundaria e bacharelato o cinema, a antropoloxía e o método etnográfico, co fin de facelos partícipes da recolla da memoria individual e colectiva. 

Titorizados polo DEAC do Museo e as cineastas Coral Piñeiro e Bruno Ariasnesta segunda edición da actividade participaron alumnas e alumnos dun total de cinco centros educativos galegos: o IES Pedra da Aguia (Camariñas), o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame), o IES de Oroso (Oroso), o IES de Arzúa (Arzúa) e o IES de Cacheiras (Teo). Preto de 70 escolares que levan traballando no proxecto desde o primeiro trimestre do curso 2023-24. En concreto, as pezas guionizadas, producidas, gravadas e editadas polo alumnado que se proxectaron hoxe foron:

– Comunicazión alfa, unha curta realizada por 30 alumnos e alumnas de 2º da ESO do IES de Cacheiras (Teo), que explora a maneira de comunicarse dos rapaces de entre trece e catorce anos. Un ser atemporal observa, mostra e desenvolve unha perspectiva de incomprensión, a que se ten desde o mundo adulto, sobre como se comunica a mocidade de Cacheiras en distintos contextos e situacións. Porén, a peza quere mostrar que, como todas as xeracións, esta, a denominada Alfa, que, ademais, herda parte da linguaxe e dos modos da Xeración Z (de aí o z no título), ten unha maneira de expresarse propia.

– Do xogo ao deporte. O deporte nas distintas etapas da vida, un traballo desenvolvido por 15 alumnos e alumnas de 4º da materia de Economía e Emprendemento de 4º da ESO do IES de Oroso (Oroso). O proxecto, inconcluso, trata a relación co deporte nas diferentes etapas da vida, dende os momentos inciais, ligados ao xogo, ata como se inicia a actividade máis estritamente deportiva na infancia e adolescencia e as experiencias vitais de persoas que se dedicaron ao deporte profesionalmente ou non.

– Nós, un proxecto do IES de Arzúa realizado por 10 alumnos e alumnas de 2º de bacharelato. A curtametraxe fala dos condicionantes e da presión que viven as rapazas e rapaces que cursan 2º de bacharelato ao enfrontarse á EBAU.

– A festa do Carme, unha peza do IES Pedra da Aguia (Camariñas), realizado por 25 alumnas e alumnos de 1º da ESO. Un proxecto que ofrece diferentes puntos de vista sobre como se vive a festa do Carme, para explicarllo a alguén que nunca o viviu.

MICEscola forma parte do proxecto didáctico da 19 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego. Unha experiencia que reúne alumnado, profesorado e profesionais do sector audiovisual e que ten como obxectivo dotar a xente nova das ferramentas técnicas e narrativas para contar o seu punto de vista sobre o mundo a través de curtametraxes feitas con dispositivos de fácil acceso e utilización. Igual que o resto da programación da MICE, conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de Cultura da Deputación da Coruña, e da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.