Formación

TALLER DE FORMACIÓN “CREACIÓN AUDIOVISUAL CON DISPOSITIVOS FÁCILES”

Formación impartida polas cineastas responsables da MICEscola, Coral Piñeiro e Bruno Arias.

MICEscola é un proxecto didáctico da MICE dedicado a levar o cinema etnográfico aos centros escolares. Trátase dunha experiencia que reúne alumnado, profesorado e profesionais do sector audiovisual e que ten como obxectivo dotar a xente nova das ferramentas técnicas e narrativas para contar o seu punto de vista sobre o mundo a través de curtametraxes feitas con dispositivos de fácil acceso e utilización.

Nesta segunda edición, as cineastas Coral Piñeiro e Bruno Arias desenvolveron tres sesións por cada centro onde procuraron achegar o alumnado ás diferentes caras do proceso creativo: a selección dun tema, a ideación dunha historia, a escrita dun guión, a elaboración dunha proposta de dirección, a rodaxe, a montaxe e as moitas dúbidas, dificultades e potenciais que agochan todos e cada un destes procesos.

No taller “Creación audiovisual con dispositivos fáciles“, Coral e Bruno recollerán as leccións que aprenderon durante a posta en marcha deste proxecto e compartiranas con aquelas persoas que teñan interese en empregar o audiovisual nas escolas con finalidades diferentes (artística, expresiva, de comunicación social e, por suposto, tamén como parte da metodoloxía etnográfica). Daranse as claves para guiar o alumnado na súa procura dun discurso, dunhas intencións e dunha mensaxe ao tempo que se lle axuda a comunicar os seus achados mediante imaxes e sons. Trataranse o proceso de guión, a procura dunha realización acorde aos obxectivos da idea e ás limitacións técnicas ou o proceso de montaxe.

A formación celebrarase o luns, 25 de marzo, no Museo do Pobo Galego.

A duración é de 3 horas, de 17h30 ás 20h30.

Persoas destinatarias: persoal docente e educadoras en xeral, estudantes de Ciencias da Educación, Historia, Arte e Comunicación Audiovisual; así como calquera persoa interesada neste contido para o que non se precisan coñecementos previos.

Prezos:

  • Xeral: 15 euros
  • Persoas desempregadas e estudantes: 10 euros
  • Socias e socios do Museo: de balde

Inscrición previa en mice@museodopobo.gal

CORAL PIÑEIRO

Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou en pezas documentais como Eu máis eu, sobre a soidade no rural galego; Única, unha reflexión persoal sobre a identidade tendo unha irmá melliza; e Dores, un documental sobre os campos de concentración en Galicia que naceu como o traballo de fin de grao (TFG) coas súas compañeiras Laura Piñeiro (montadora e guionista), Maite Martínez (produtora e guionista) e Clara Miñán (cámara e guionista), co que gañou o premio ao Mellor documental no SOCINE, festival de cine social universitario de Valladolid. En canto á ficción, participou na curtametraxe Desencontro, gañadora do primeiro premio na categoría Fasmuvis do Festival de Cine de Ourense.

BRUNO ARIAS

Director, guionista e montador de Os espazos en branco, a súa primeira longametraxe, estreada en 2023. Grao en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela (2016-2020). Actualmente traballa como montador e deseñador gráfico en diferentes proxectos e como educador para a MICEscola. 

Bruno Arias, cineasta e formador de MICEscola

lindes: encontros profesionais

Nesta 19ª edición da MICE, a sección Lindes combina o carácter formativo e informativo. Serán dúas sesións nas que as cineastas Diana Gonçalves e Iván Castiñeiras compartirán co público os seus procesos creativos, partindo dos seus respectivos proxectos en curso: Transfronteriza, de Gonçalves, e Deuses de pedra, de Castiñeiras, dous work in progress que falan sobre a fronteira que conforma a raia de Galicia e Portugal.

Serán, polo tanto, dúas sesións de interese para aquelas persoas que traballan tanto co audiovisual como coa antropoloxía e a a historia.

Para participar, recoméndase a inscrición previa. Podedes facela de maneira gratuía en mice@museodopobo.gal indicando Sesión Diana Gonçalves ou Sesión Iván Castiñeiras.