Concerto e entrega de premios 15 edición

Concerto de Richi Casás e entrega de premios.

Sábado 29 ás 12h30

Xardín do Claustro do Museo do Pobo Galego

Aforo limitado e controlado previa retirada de entradas. Dispoñibles nesta páxina desde o día 17 de agosto.

O concerto de Richi Casás está vencellado á estrea no festival de Dorothé na Vila,  e conecta as raíces da música tradicional galega coas do jazz. Casás medrou entre dous mundos: as tardes co saxofón no Conservatorio da Coruña e as noites de foliadas coa súa avoa Rosa e súa tía Delfina na Vila da Igrexa (Cerceda). Cando ía rematar o Conservatorio Superior, Richi Casás quixo xuntar estes dous mundos. Rosa e Delfina xa non estaban e moitas das súas cancións fóranse con elas. Foi entón cando descubriu que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth as gravara en 1980 para o Cancioneiro Popular Galego. Grazas a estas gravacións, as cántigas volveron a Richi Casás e este levounas ao Conservatorio co seu traballo final “Jazz e tradición. Do blues ó alalá” que trouxo ao Museo do Pobo Galego en 2016 xa con Fuliada na Vila, proxecto formado por once integrantes, que procura unha nova vida dende o jazz para a música de Rosa e Delfina. Para o Vermú MICE, Richi Casás virá cun formato máis reducido e íntimo, acompañado da guitarra de Fran G. Galán.