MICE Petís é a sala de proxección da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego dedicada ao público máis novo. Unha programación crucial, tendo en conta a importancia do cinema e os medios creativos na formación, a ensinanza e o desenvolvemento cultural das persoas.
MICE petís en familia
MARTES, 26 DE MARZO, ÁS 17h.
Programa de proxeccións en familia no Museo para crianzas e maiores, coa colaboración do programador e docente Severiano Casalderrey.
SEVERIANO CASALDERREY
Docente, ensaísta, crítico e curador de cinema. No plano literario, é autor de catro publicacións sobre cinema e curtametraxe. Alzouse co VI Premios María Luz Morales (2022, ademais dun accésit na edición anterior. Colabora habitualmente coa revista “Tempos Novos” realizando crónicas sobre festivais de cinema. É membro da Academia de Cine e da Academia Galega do Audiovisual. Conta cunha experiencia de mais de quince no campo da curadoría de cinema. Ao longo da súa traxectoria, foi director do festival de animación ANIRMAU (2010-13), ademais de formar parte do equipo de programación do FICBUEU (2012-23), sendo o seu subdirector nos últimos anos entre 2019 e 2023. Na actualidade, desenvolve a súa actividade no festival de animación IMAXINARIA, no festival de cinema contemporáneo INTERSECCIÓN e outros proxectos da produtora viguesa Abella Producións, entre eles o festival de cinema para nenos Cinema Miúdo (Ames).
O programa inclúe dúas escolmas de curtametraxes de interese etnográfico, unha primeira de 3 a 6 anos e outra de 7 a 10. Ambas propostas pasaranse de maneira paralela no Museo do Pobo Galego de xeito que os nenos e nenas dunha mesma familia pero con idades diferentes poden ir xuntos pero acudir cada un e cada unha á proxección máis adecuada. Os dous programas contan coa presentación e a mediación do persoal de didáctica da MICE.
De 3 a 6 anos
Entradas no Vivetix e, desde 1 hora antes do inicio da proxección, na recepción do Museo.
Pezas que son xoias da animación chinesa e que tratan historias e valores universais. Estas curtas non teñen diálogos e son axeitadas para nenos e nenas desde os 2 aos 6 anos.
AHRU
Leandro Martínez
Arxentina, 2023
4 min. Sen diálogos.
Vellas historias falan dun Gardián do Deserto chamado Ahru, un mestre segredo que pode adoptar a forma de moitos animais. Calquera o bastante valente para enfrontarse a el aprenderá os segredos da súa Arte, mais primeiro terá que atrapalo.
NAISSANCE DES OASIS (O NACEMENTO DUN OASIS)
Marion Jamault
Francia, 2022
9 min. Francés. VOSE
Un xardín cheo de misterio, gotas de chuvia formando unha comunidade pasaxeira, un oasis divertido e colorido no que dous seres diferentes se axudan… O cine está ás veces para lembrarnos que ao noso redor hai moitos motivos para soñar, e para que non esquezamos que na natureza hai algo que vale máis que o ouro, o petróleo ou os diamantes: a semente da vida.
YU BANG XIANG ZHENG (A LOITA ENTRE A GARZA E A AMEIXA)
Hu Jinquing
A China, 1983
10 min. Sen diálogos
Ilustra unha encarnizada batalla, dun lado por comer e doutro por non ser comida.
TANG LANG BU CHAN (UN CONTO DE VERÁN)
Hu Jinquing
A China, 1988
5 min. Sen diálogos
As obras asinadas por Hu Jinquing entre os anos 60 e os 80, mesturan fábulas e proverbios coa herdanza pictórica chinesa cun espectacular resultado que serve para ilustrar un modo de vida tradicional e ao tempo o amor pola natureza e, en especial, polos animais.
De 7 a 10 anos
Entradas no Vivetix e, desde 1 hora antes do inicio da proxección, na recepción do Museo.
A WHISPER IN THE ISLAND OF THE HEART (UN SUSURRO NA ILLA DO CORAZÓN)
Xiaowen Wang
USA / China, 2022
13 min. Sen diálogos
Unha nena regresa a súa vila natal no Tíbet, onde un equipo de médicos trata a doenza que padece desde o seu nacemento. Recuperándose na casa do seu avó, fai un amigo moi especial.
Andrés Castillo, Diego Castillo
Colombia, 2022.
15 min. Español. Aborigen. VOSE
Un día mentres recollía froitas, Chidima, unha rapaza embera katío, é atraída por un sapo místico e brillante a unha zona prohibida da central hidroeléctrica que pon en perigo a súa aldea, onde descobre accidentalmente unha cova sagrada. Asustada, foxe e cóntallo ao seu avó, traendo inesperadamente unha nova esperanza para o seu pobo.
Ibrahim Handal
Palestina, 2023
11 min. Árabe. VOSE
Catro nenos refuxiados de Belén deciden visitar o mar por primeira vez nas súas vidas.
MICE Petís en liña
DE ORIENTE A OCCIDENTE: Unha selección de curtas realizada polo cineasta Marcos Nine para ver desde casa con acceso online. As pezas, de varias nacionalidades, percorren distintas tradicións culturais.
Para nenos e nenas entre os 2 e os 6 anos. Toda a colección é axeitada para as crianzas maiores, pero en cada película indicámosvos a idade mínima recomendada.
A partir de 2 anos:
Os cineastas Te Wei, Qian Jianjun e Hu Jinqing asinaron entre os anos 60 e os 80, obras que mesturan fábulas e proverbios coa herdanza pictórica chinesa cun espectacular resultado que serve para ilustrar un modo de vida tradicional e ao tempo o amor pola natureza, e en especial polos animais.
Seleccionamos tres títulos que levan o selo destes artistas.
- Xiao ke dou zhao ma ma [‘Onde estás, mamá?’], Te Wei, 1960. Nela nárrasenos a historia dun grupo de cabezolos que, tras nacer nunha lagoa, van coñecendo a todos os animais que a habitan, intentando descubrir cal é a súa nai. Aínda que está en chinés é facilmente entendible.
- Mu di [‘A frauta do neno búfalo’], Te Wei codirixida con Qian Jianjun, 1963. O xoven protagonista é capaz de comunicarse cos animais grazas ó son da súa frauta. Sen diálogos.
- Yu bang xiang zheng [‘A loita entre a garza e a ameixa’], Hu Jinquing, 1983. Ilustra unha encarnizada batalla, dun lado por comer e doutro por non ser comida. Sen diálogos.
A partir de 3 anos:
- Kaliph Stork [‘O Califa cigoña’], Lotte Reiniger, 1929. Tal e como acontecía en Oriente, as fábulas e os contos clásicos serviron como fonte da que se alimentou o cinema. Unha das pioneiras do cinema de animación, a alemá Lotte Reiniger que centrou unha gran parte das súas primeiras obras na adaptación de contos dos irmáns Grimm ou de Charles Perrault. Escollemos este film dela anterior ao nacemento do cinema sonoro e, por tanto, non conta con diálogos.
A partir de 5 anos:
- A Frauta máxica, Valeriy Ugarov, 1995. Versión orixinal en inglés, o que non é inconveniente para gozar de 30 minutos dunha boa ópera e dunha coidada animación. O cineasta ruso recibiu o encargo de dirixir un dos episodios da serie da BBC “Operavox”, na que se adaptaban algunhas das óperas máis importantes da historia, nun formato reducido e con animación tradicional tentando achegar así a ópera ao publico infantil. A Ugarov tocoulle Mozart.
A partir de 6 anos:
- Les trois inventeurs [‘Os tres inventores’], Michel Ocelot, 1980. Unha fábula que nos convida a reflexionar sobre como en ocasións, todos os poderes, desde o pobo até o goberno se opoñen ao progreso cando non son quen de entendelo. Versión Orixinal Subtitulada en Español.
MICE Petís nos centros escolares
Partindo da estratexia da MICE de colaborar con outros festivais galegos e de fóra tamén á hora de deseñar a programación, este ano contamos co FICBUEU, o Festival Internacional de Cine de Bueu, que leva anos traballando no ámbito escolar e organizando a Gala de Escolas Galegas, cos traballos finalistas de Educación Especial, Infantil e Primaria e Educación Secundaria.
O público da MICE poderá ver unha selección de pezas do MiniFIC que tratan sobre o patrimonio etnográfico, a igualdade de xénero ou os valores medioambientais. As proxeccións faranse nos propios centros escolares entre o 18 e o 22 de marzo.
CURTAS SELECCIONADAS PARA PRIMARIA:
- O roubo da Mona Lisa. CEIP Purilingüe San Marcos – 6 min
- Carolina e o corvo de as brancas. CEIP do Hío – 7 min
- Dona Landra no Río Revolto. CEIP Pluriligüe A Pedra – 4 min
- A coroa da raíña. CEIP Purilingüe San Marcos – 6 min
- Maruxa e Pepiño. CEIP Pluriligüe Guillarei – 5 min
- Héroes Enmascarados. CEIP do Carballal – 3 min
CURTAS SELECCIONADAS PARA SECUNDARIA:
- Non estás soa. Non cales. Non te peches. Non es a culpábel. IES Salvaterra do Miño – 2 min
- Mundo ao revés. CPI Alcalde Xosé Pitchel – 5 min
- Vida Furtiva. IES Terra de Trasancos – 14 min
- Cores. IES as Barxas – 3 min
- Migrando. IES Praia Barraña – 2 min
- Non tes prezo. CPI Eusebio Lorenzo Baleirón – 5 min
- Error 404. Girl Not Foud. IES Politécnico de Vigo – 7 min