A 19 MICE REUNIU PRETO DE 3.500 PERSOAS NUNHA SEMANA DE PROGRAMACIÓN DEDICADA AO CINEMA ETNOGRÁFICO 

A décimo novena edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego, celebrada do 20 ao 26 de marzo en Santiago de Compostela, deixounos sete días de programación en catro espazos da cidade – o Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal, NUMAX e o Salón Teatro – da que puideron desfrutar preto de 3.500 persoas. Coas proxeccións como eixo central, pasáronse máis de 65 filmes de 14 nacionalidades (Colombia, Italia, Serbia, Porto Rico, Moldavia, EEUU, Reino Unido, A China, Francia, Portugal, Federación Rusa, Brasil, España e Galicia), entre os cales dúas foron estreas mundiais, catro estreas en España e seis a nivel galego. Películas que tiñan como telón de fondo a ollada do cinema etnográfico sobre o político, o tema que vertebrou esta edición da MICE. Trece deses títulos competían polo Premio MICE ao Mellor Filme a nivel Internacional, 4 deles realizados en Galicia que optaban tamén ao PremioMICE ao Mellor Filme Galego; galardóns que recaeron, respectivamente, en Taxibol, de Tommaso Santabrogio; e Habitar, de Anxos Fazáns. Os outros recoñecementos foron para El signo vacío, de Kathryn Ramey, Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica; A Revolución (é) Probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas, Premio CREA; e 12 de maio de 1937, de Mar Caldas, Premio do Público.

Único na MICE 

A sesión inaugural era unha das citas agardadas do festival, que rematou cun Teatro Principal ateigado para desfrutar de 586 cantos, un espectáculo único impulsado polo Festival e o Museo do Pobo Galego sobre as voces do Cancioneiro Popular Galego, de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. Coa música de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras, sincronizada en directo coa montaxe visual realizada por Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, integrantes da Asociación Memoria e Cinema. 

Inédito foi tamén o foco dedicado a Cecilia Mangini, a primeira retrospectiva que se lle dedicou en Galicia á pioneira do cinema documental italiano, da man de Carolina Astudillo e coa colaboración da Cineteca di Bologna.

A MICE: espazo de formación

A formación e a creación de espazos para a análise foron outro dos eixos desta MICE, con actividades como a xornada Cinema Galego e Transición. Mesas de debate e proxeccións, enmarcadas na sección paralela Trazas, organizada coa sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega e o Cineclube Compostela, e nas que participaron cineastas como Xosé Xoán Cabanas Cao, Antón Caeiro, Xan Gómez Viñas, Manuel Abad, Manolo González, Milagros Eloy Enciso, José Manuel Sande, Coral Piñeiro, Manoel da Costa ou Beli Martínez, entre outras. 

Os coloquios co público foron, un ano máis, outra das claves da Mostra. Entre eles, o protagonizado por Alejandro Alvarado, cineasta e investigador con quen o festival indagou no contexto do cinema na Transición e dos procesos de censura que sufriron moitos filmes da época. 

Lindes, unha das seccións paralelas da Mostra, tamén se impregnou este ano dese compromiso da MICE coa formación especializada, da man das cineastas Diana Gonçalves e Iván Castiñeiras, quen debullaron os procesos creativos dos seus proxectos sobre a raia entre entre Galicia e Portugal.

No capítulo de actividades paralelas, contou cunha gran acollida a actividade formativa Creación audiovisual con dispositivos táctiles, impartida por Coral Piñeiro e Bruno Arias, cineastas e responsables de MICEscola, outro dos proxectos didácticos desta MICE, orientado a achegar o cinema etnográfico á comunidade escolar galega, convertendo o alumnado en creador de contidos. A vindeira semana, o xoves 18 de abril, terá lugar a estrea no Museo do Pobo Galego das curtametraxes resultantes dunha actividade na que participaron alumnas e alumnos do IES Pedra da Aguia (Camariñas), o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame), o IES de Arzúa (Arzúa) e o IES de Cacheiras (Teo).

Entre a programación paralela, destacou tamén a proxección do filme Os espazos en branco, de Bruno Arias, elixido posteriormente gañador do Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental. Tamén, a exposición Da túa man para a miña, de Fran Rodríguez Casal, que pode visitarse ata finais de abril na Ala Sur do Museo do Pobo Galego.

Unha MICE inclusiva e accesible 

Cumprindo un ano máis cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e coa Axenda 2030, a perspectiva de xénero volveu ter un papel protagonista nesta décimo novena edición da MICE, cun 50% dos filmes asinados por mulleres cineastas e cun equipo organizador e de produción maioritariamente feminino. Na liña da accesibilidade, entre outras accións, este ano o festival puxo o foco na accesibilidade auditiva, incorporando en varias sesións o subtitulado específico para persoas xordas, no camiño para conseguir unha MICE para todas e todos. 

O público familiar e infantil tivo tamén o seu espazo na programación, coa MICE Petís, que incluíu proxeccións no Museo e tamén en liña. Tamén a través da páxina web do festival puideron verse varios dos filmes premiados na anterior edición da Mostra, así como unha selección de películas relacionadas coa sección Lindes. 

A 19 MICE contou co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de Cultura da Deputación da Coruña, e da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.