Ollares Intencionados (Formación na MICE)

Taller

Anversos e reversos

Anversos e reversos: metodoloxía etnográfica dos procesos creativos. O apartado de formación  sobre a mirada e a representación no cinema etnográfico acolle este ano o taller impartido polo antrópologo e fotógrafo Jorge Moreno Andrés, autor de El duelo revelado: la vida social de las fotografías familiares de las víctimas del franquismo e a tamén antropóloga e cineasta Adriana Vila Guevara directora de Belén.

Se a antropoloxía nos axuda a explorar a realidade e darlle sentido, a arte permítenos imaxinar mundos a través das súas exploracións particulares. Empregar a paixón pola etnografía e a precisión da poesía, é o que une ambas disciplinas neste obradoiro coa intención de viaxar polos proxectos creativos nos que se atopan os participantes, xa sexan do mundo do cine ou da fotografía, a literatura, o teatro, a danza ou a música. Nun formato de seminario inmersivo, Adriana Vila Guevara e Jorge Moreno Andrés guiarán a creación dunha dimensión dialogante coma se dunha ponte se tratase, ao lugar onde se observan, escoitan e ocorren as interseccións. As que se intúen dende o ámbito etnográfico e o artístico. Un curso no que se abre un espazo de discusión, reflexión e especulación arredor de ferramentas antropolóxicas, posibles métodos, camiños, preguntas, símbolos, limitacións, soños e desexos. 

12 horas de formación especializada.

Venres 1 de abril (de 16h a 20h) e sábado 2 de abril (de 10h30 a 14h30 e de 16h a 20h)

O prezo xeral é de 40 euros con descontos para asociadas do MUSEO DO POBO GALEGO, AGANTRO e para estudantes e persoas desempregadas. Inscricións en mice@museodopobo.gal.

Conversa-Vermú

a identidade cultural na pantalla

Canto nos inflúe a cultura propia á hora de crear audiovisualmente?, Onde queda o exótico da nosa propia cultura?, Botamos man do arquivo fílmico galego? Cantas respostas hai para estas e outras cuestións similares? Hai mellor maneira de abordalas que conversando cun vermú na MICE? (A organización só se fai cargo da corrección da resposta á última pregunta: non)

Conversa-Vermú CREA + PROXECTA. Sábado 2 de abril ás 12h30 no Museo do Pobo Galego

Seminario

CO(M)XÉNERO 6

Nesta edición, Mariana Hristova, que comisaría a sección Impropias, impartirá un seminario na Facultade de Comunicación durante a celebración do CO(M)XÉNERO, sobre a selección que realizou para esta décimo séptima edición da MICE. Convidóuselle como experta en cinema subrepresentado e a cinematografía dos Balcanes e do Leste cando aínda non se contemplaba un conflito como o que está a vivir Europa agora mesmo. O certo é que dadas as circunstancias é unha persoa cunha ollada que, nestes intres, e a través do cinema, pode resultar dobremente interesante.

Sesión con Mariana Hristova. Xoves 31 de marzo ás 16h na Facultade de Ciencias da Comunicación. Máis información e inscricións na web do Grupo de Estudos Audiovisuais e no formulario.