A MICE CELEBRA A SÚA 19ª EDICIÓN CUNHA OLLADA ETNOGRÁFICA SOBRE O POLÍTICO 

26 de febreiro de 2024.- A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego chega en marzo á súa décimo novena edición consolidada xa como unha cita referente a nivel galego, estatal e mesmo internacional especializada en cine etnográfico e antropoloxía visual. Este ano, co foco posto na ollada do cinema etnográfico sobre o político, os rituais, o seu poder simbólico ou os espazos nos que se tecen as súas prácticas, relacións e significacións. Unha temática que ten o seu reflexo tamén na imaxe do festival, autoría da novísima fotógrafa e cineasta de Verín Sabela Souto, e na que políticas laborais, feminismo e tradición conflúen na memoria industrial que ten como protagonistas as mulleres galegas.

As mulleres volven ser tamén as protagonistas da sección Impropias, que persegue a visibilización das cineastas que abordan a realización de filmes etnográficos. O foco sobre Cecilia Mangini por Carolina Astudillo, coa colaboración da Cineteca di Bologna e o Instituto Italiano di Cultura, será un dos destacados do festival. A cineasta chilena, que xa pasou anteriormente pola MICE,  porá en relación a obra da considerada por algúns como a “a Agnès Varda italiana” coa súa propia.

Amais das proxeccións das seccións oficiais – Galicia e Internacional, cuxo contido se dará a coñecer proximamente –, o festival volve apostar pola formación. Así, a sección paralela Lindes combina nesta ocasión o carácter formativo e informativo. Serán dúas sesións, de interese para profesionais do audiovisual ou para persoas do ámbito da antropoloxía e a historia, nas que as cineastas Diana Gonçalves e Iván Castiñeiras compartirán co público os seus procesos creativos, partindo dos seus respectivos proxectos en curso: Transfronteriza, de Gonçalves, e Deuses de pedra, de Castiñeiras, dous work in progress que falan sobre a fronteira que conforma a raia de Galicia e Portugal. Recoméndase reservar praza (gratuíta) en mice@museodopobo.gal.

Outra das propostas formativas desta 19 MICE é o taller “Creación audiovisual con dispositivos fáciles”, impartido por Coral Piñeiro e Bruno Arias, cineastas e responsables de MICEscola, destinado a todas aquelas persoas que teñan interese en empregar o proceso creativo do audiovisual na educación formal e informal. O obradoiro terá lugar o luns, 25 de marzo, de 17:30 a 20:30 e é precisa a inscrición previa mice@museodopobo.gal.

No camiño cara o cumprimento da Axenda 2030 e o desenvolvemento sustentable, entre outras cuestións, a MICE comprométese coa educación de calidade e aposta un ano máis pola MICE Petís, con programación específica para os centros escolares, da man do MiniFIC do FICBUEU, e con proxeccións en familia no Museo e tamén en liña. Ademais, este ano celébrase a segunda edición da MICEscola, un proxecto didáctico dedicado a levar o cinema etnográfico aos centros escolares, co fin de dotar a xente nova das ferramentas técnicas e narrativas para contar o seu punto de vista sobre o mundo a través de curtametraxes feitas con dispositivos móbiles. Os centros participantes son o IES Pedra da Aguia (Camariñas), o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame), o IES de Arzúa (Arzúa) e o IES de Cacheiras (Teo). As pezas resultantes proxectaranse no Museo do Pobo Galego como parte da programación estendida da MICE. 

A 19 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está organizada polo Museo do Pobo Galego, e conta co apoio do Concello de Santiago, a área de Cultura da Deputación da Coruña, e a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).