A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico nace en 2006 e deseñouse como un evento do Museo do Pobo Galego para dar a coñecer os traballos audiovisuais relacionados coa etnografía e a antropoloxía, disciplinas científicas nas que se enmarca o traballo do Museo, unha entidade que, despois de máis de catro décadas de existencia, asume o reto de traer ao presente unha parte fundamental do noso patrimonio. A MICE pretende xerar un espazo de diálogo, de reflexión e de intercambio arredor da confluencia entre a antropoloxía social e cultural e a teoría e a práctica cinematográfica.
A MICE quere ir máis aló dos temas exóticos, primitivos ou tradicionais nos que a miúdo nos fai pensar a palabra etnografía. A través da análise etnográfica, a antropoloxía estuda as culturas e as sociedades humanas, e a antropoloxía visual promove o uso de imaxes para a súa descrición, análise, comunicación e interpretación. A MICE é un espazo onde achegarnos a todo isto e onde ver fitos do cine etnográfico que a miúdo son fitos da cinematografía; tamén a obras recentes e innovadoras que van da factura clásica até o cinema máis experimental e radical. Aínda que a MICE conta cunha orientación especializada, abrangue coordenadas estilísticas e temáticas diversas, polo que a actitude do festival é inclusiva na creación dun espazo compartido en torno ao cinema e as Ciencias Sociais.
A 18ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.