DE ORIENTE A OCCIDENTE: Unha selección de curtas realizada polo cineasta Marcos Nine para ver desde casa con acceso online. As pezas, de varias nacionalidades, percorren distintas tradicións culturais.
Para nenos e nenas entre os 2 e os 6 anos. Toda a colección é axeitada para as crianzas maiores, pero en cada película indicámosvos a idade mínima recomendada.
A partir de 2 anos:
Os cineastas Te Wei, Qian Jianjun e Hu Jinqing asinaron entre os anos 60 e os 80, obras que mesturan fábulas e proverbios coa herdanza pictórica chinesa cun espectacular resultado que serve para ilustrar un modo de vida tradicional e ao tempo o amor pola natureza, e en especial polos animais. Seleccionamos tres títulos que levan o selo destes artistas.
- Xiao ke dou zhao ma ma [‘Onde estás, mamá?’], Te Wei, 1960. Nela nárrasenos a historia dun grupo de cabezolos que, tras nacer nunha lagoa, van coñecendo a todos os animais que a habitan, intentando descubrir cal é a súa nai. Aínda que está en chinés é facilmente entendible.
- Mu di [‘A frauta do neno búfalo’], Te Wei codirixida con Qian Jianjun, 1963. O xoven protagonista é capaz de comunicarse cos animais grazas ó son da súa frauta. Sen diálogos.
- Yu bang xiang zheng [‘A loita entre a garza e a ameixa’], Hu Jinquing, 1983. Ilustra unha encarnizada batalla, dun lado por comer e doutro por non ser comida. Sen diálogos.
A partir de 3 anos:
- Kaliph Stork [‘O Califa cigoña’], Lotte Reiniger, 1929. Tal e como acontecía en Oriente, as fábulas e os contos clásicos serviron como fonte da que se alimentou o cinema. Unha das pioneiras do cinema de animación, a alemá Lotte Reiniger que centrou unha gran parte das súas primeiras obras na adaptación de contos dos irmáns Grimm ou de Charles Perrault. Escollemos este film dela anterior ao nacemento do cinema sonoro e, por tanto, non conta con diálogos.
A partir de 5 anos:
- A Frauta máxica, Valeriy Ugarov, 1995. Versión orixinal en inglés, o que non é inconveniente para gozar de 30 minutos dunha boa ópera e dunha coidada animación. O cineasta ruso recibiu o encargo de dirixir un dos episodios da serie da BBC “Operavox”, na que se adaptaban algunhas das óperas máis importantes da historia, nun formato reducido e con animación tradicional tentando achegar así a ópera ao publico infantil. A Ugarov tocoulle Mozart.
A partir de 6 anos:
- Les trois inventeurs [‘Os tres inventores’], Michel Ocelot, 1980. Unha fábula que nos convida a reflexionar sobre como en ocasións, todos os poderes, desde o pobo até o goberno se opoñen ao progreso cando non son quen de entendelo. Versión Orixinal Subtitulada en Español.