Tres estreas, unha delas Premier, proxectaranse hoxe dentro da MICE. Ás 18h00 no Numax, estrearase en Galicia Room without a view, de Roser Corella; e ás 22h00 no Teatro Principal, estrea mundial de Dancers In The Vortex, de Thomas George (foto de portada) .
Ademais grazas á colaboración co Galician Film Forum, A MICE traspasa fronteiras e estrea en Reino Unido Negro Púrpura, na sede que o GFF ten no Kings College de Londres. As suas creadoras, Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva (Illa Bufarda) falarán en streaming do seu filme co público de Londres. Tamén se proxectaráStockroom de Sol Mussa, encargada da Peza curta da 17 MICE e que estará presente na sesión do Kings College. Será ás 19h00 hora británica.
O cinema galego protagoniza gran parte desta quinta xornada da 17 MICE. Notas sobre os cesteiros de Mondariz, de Fon Cortizo e El último de Arganeo, de David Vázquez, poderán verse hoxe ás 20:30 no Teatro Principal dentro da 17 Mostra Interncional de Cinema Etnográfico. Ambas cintas optan, canda Resonancias do pasado, de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro (que xa se puido ver no Numax o pasado martes) aos dous galardóns da sección oficial (Mellor film e Mellor film galego).
Dentro da sección Lindes, ás 19h00, no Museo do Pobo Galego, Margarita Ledo terá un encontro co público despois da proxección do seu filme Nación . A cineasta vén de ser galardoada co Mestre Mateo de Honra Fernando Rey 2022.
E por último, na sección Impropias, comisariada pola xornalista e programadora búlgara Mariana Hristova, proxectarase Transnistra (ás 18h30 no Teatro Principal).
As accións do festival durante esa propia semana estarán tamén en distintos puntos da periferia da cidade de Santiago de Compostela. As curtas de Olloboi poderán verse esta tarde, ás, ás 20h00 no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo, e o sábado 2, ás 18h00, no Centro Socioucultural Agustín Bueno do Castiñeiriño, dentro da programación de MICE Petís