cadernas de olloboi inaugura a 17 mice

Santiago de Compostela, luns 28 de marzo, 2022  
Este luns botou a andar a 17 edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfica e fíxoo co Festival convidao deste 2022, Olloboi, e o seu filme Cadernas de Olloboi,  cinema feito por adolescentes desde as escolas e que se poderá ver ás 20:00 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela.   Olloboi é un festival audiovisual de curtametraxes dirixido a todos os niveis educativos. Organízao desde o 2009 unha asociación sen ánimo de lucro radicada en Boiro. Para este festival é imprescindible a colaboración da veciñanza, das e dos cineastas galegos, do Concello de Boiro e da Deputación da Coruña. No 2020 a Academia Galega do Audiovisual outorgoulle o Premio especial Xosé Sellier.
O filme Cadernas de Olloboi foi adquirido pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística ao abeiro do fondo Xabobeo 2021.

As curtas de Olloboi poderán verse durante o propio festival , dentro da programación de MICE Petís para as escolas, desde o luns 28 até o venres 1 en dúas sesións matinais, ás 11 e ás 12h30, no Museo do Pobo Galego.

A partir do 28 de marzo e ata final de curso, as curtas poderán verse noa centros educativos, a través dunha ligazón e previa inscrición no enderezo servizosdeac@museodopobo.gal ou chamando ao 981 58 36 20. Deste xeito, o profesorado poderá programar a MICE Petís nos propios centros.
O festival tamén ofrece unha proposta para que a xente máis nova e  maiores da casa traballen conxuntamente no hábito de ver cinema. A selección de curtametraxes de Olloboi achegarase a fin de semana do festival aos Centros socioculturais de Santiago de Compostela:

Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo ·
Venres 1 de abril ás 20 h. Duración da proxección 50 minutos.
Centro Sociocultural Agustín Bueno do Castiñeiriño.
Sábado 2 de abril ás 18 h. Duración dá proxección 50 minutos.
A partir do martes 29 xa se poderán ver os filmes das seccións oficiais, así coma das seccións Lindes, Trazas e Impropias. Talleres e mesas redondas e seminarios completan a programación desta 17 edición.

As entradas para as proxeccións son de balde e os talleres requiren inscrición en mice@museodopobo.gal.

Toda a información sobre o festival en mice.museodopobo.gal