A primeira xornada da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico acollerá na súa sesión de apertura a pre-estrea do documental Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva (Illa Bufarda), unha proxección que se encadra dentro da sección fóra de concurso. O documental, rodado entre 2018 e 2020, realiza unha viaxe no tempo para contar a historia do fungo dos mil nomes (caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo, etc). Negro púrpura vai da sabedoría popular á ciencia, repasando a historia do cláviceps purpúrea e conectando Galicia co resto do mundo (relacionándose con multinacionais farmacéuticas, a CIA ou o nacemento do LSD) e alimenta relatos que nos son propios e nos tocan de preto, como o seu uso na medicina popular. Nesta sesión inaugural, que terá lugar ás 19h30 no Teatro Principal, estarán presentes as súas directoras, parte do equipo do filme e o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas; a concelleira de Acción Cultural do concello de Santiago, Mercedes Rosón; o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi; e a directora da MICE, Ana Estévez.
Na mesma xornada, ás 16h30 celebrarase no auditorio do Museo do Pobo a proxección de Do not lean on door, un work in progress do artista Vicente Vázquez (co-fundador da cooperativa de artistas Tractora Coop. con sede en Bizkaia). Esta peza está realizada a partir de imaxes realizadas no metro de Nova York durante o black friday. O artista visual realizará a posteri unha contextualización deste traballo apoiándose nos descartes de imaxes e audios que está elaborando xunto ao artista Miguel Prado Casanova.
Este acto inaugural non será o único contido do martes, primeiro día de programación da 16ª MICE do Museo do Pobo. Ás 20h00 no cinema NUMAX terá lugar a proxección de El gran vuelo, de Carolina Astudillo, coa presenza da directora. Esta película, que forma parte da sección Impropias, recolle a historia de Clara Pueyo, militante do Partido Comunista, que foxe da prisión de Les Corts de Barcelona durante a dictadura militar e a quen dende ese intre se lle perde a pegada para sempre. Este documental obtivo a Biznaga de Prata ao Mellor Documental no Festival de Málaga en 2015.