A memoria histórica e as linguas, temáticas principais nas seccións paralelas da 16ª MICE


Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021. A 16ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, que se celebrará do 6 ao 10 de abril en Santiago de Compostela, presenta a programación das súas dúas seccións paralelas. A sección Impropias, comisariada pola cineasta e docente chilena Carolina Astudillo, centrarase na memoria histórica dende a perspectiva de xénero. Por outra parte, o Cineclube de Compostela programa por cuarto ano consecutivo a sección Trazas, cuxa selección de filmes ofrece unha visión variada e complexa sobre as escollas lingüísticas e a fala.  

Fotograma de Un’ora Sola Ti Vorrei (2002) da italiana Alina Marazzi.

Memoria histórica dende perspectiva de xénero

Unha das vontades e labores da MICE segue sendo a de visibilizar as miradas das realizadoras dende o punto de vista do cinema etnográfico. Nesta décimo sexta edición a sección Impropias está programada pola cineasta, investigadora e docente de orixe chilena Carolina Astudillo, quen estará na MICE para presentar todas as películas da sección. A selección proposta xira arredor da memoria, da lembranza e da maneira en como recordamos. As propostas das tres directoras escollidas – Paz Encina, Alina Marazzi e Tiziana Panniza– xunto á obra da propia Carolina Astudillo, empregan o medio cinematográfico como método para desmontar as historias oficiais (a do colonialismo e os modelos etnográficos de obxectividade, a dos vencedores dunha guerra civil, a do patriarcado que exclúe a perspectiva e o punto de vista desas mesmas mulleres), ao mesmo tempo que empregan a metraxe atopada e os arquivos para reconstruír a memoria, os espazos de ausencia e a voz dos e das silenciadas.

Impropias estreará en Galicia películas como Un’ora sola ti vorrei da italiana Alina Marazzi, un filme autobiográfico que reconstrúe e libera o espírito feminino da nai da realizadora a través dunha revisión e resignificación dos seus obxectos e escritos. Tamén estreará o documental Ejercicios de memoria, da paraguaia Paz Encina, un xesto de resistencia contra o esquecemento da memoria de Paraguay, país castigado por diferentes guerras e unha longa ditadura. Tamén se poderá ver dentro desta sección o documental El gran vuelo, da propia Carolina Astudillo, o documental que lle valeu á directora o Biznaga de Prata ao Mellor Documental no Festival de Málaga de 2015. Completa esta sección Tierra sola, da chilena Tiziana Panizza, unha película que deconstrúe os estereotipos coloniais que se crearon arredor da Illa de Pascua e os “moais”. 

Fotograma de Yezh ar Vezh [A lingua da vergoña] (1979), de Philippe Durand.

A lingua como forma de estar no mundo

A sección Trazas, programada polo Cineclube de Compostela, propón unha escolma de películas que ofrecen unha visión variada e complexa sobre as escollas lingüísticas. O uso dunha ou doutra maneira de falar non é algo fortuíto, e depende de relacións de poder condicionadas por toda a nosa bagaxe persoal e por como nos situamos no mundo en termos de clase, xénero ou nación. Indo máis alá das recollas documentais de variedades en perigo de extinción, resulta difícil atopar títulos que teñan como tema principal a linguaxe humana. Porén, os filmes que compoñen Trazas tentan encher dalgún xeito este baleiro desvelando moitas das compoñentes do complexo urdido social e político sobre o que se constrúen as linguas.

A sección Trazas estreará en España Yezh ar vezh [A lingua da vergoña] de Philippe Durand, unha historia que nos descobre a loita pola supervivencia do bretón na década dos 70. A MICE proxectará por primeira vez en Galicia Journal inachevé, filme da emigrante chilena Marilú Mallet que retrata a perda do idioma propio e o illamento no exilio en Canadá. Este diario fílmico, no que aparece tamén a escritora Isabel Allende, valeulle a Mallet conseguir o Premio especial do xurado no Festival de Cine Latinoamericano de Biarritz en 1983. Tamén será estrea galega Poto and Cabengo de Jean Pierre Gorin, o filme que retratou a Grace e Virxinia, as xemelgas norteamericanas que crearon o seu propio idioma co que se comunicaron ata os oito anos. Por último, proxectarase Het dak van de walvis [O teito da balea] de Raoul Ruiz, unha aventura que se introduce na natureza patagónica para estudar a lingua dos últimos indios yachanes, falándonos da alienación, do etnocentrismo ou da apropiación cultural.

A imaxe gráfica realizárona as creadoras Iria Silvosa (Vilalba, 1992) e Sara Iglesias (A Mariña, 1991). O cartaz desta 16 edición fai referencia á fala, á distancia e á forma de comunicarnos entre persoas, sobre todo, neste contexto actual. Unha temática que representan a través das antenas que colonizan os tellados de calquera vila ou cidade ou dos elementos e espazos domésticos que achegan información relevante sobre o tempo e sobre quen os habita.

As autoras din sobre este traballo: 

“A fogueira, o banco, a cociña da casa, o salón, a tele, todos eles foron elementos arredor dos que orbitou a nosa fala. Estes mudaron e foron quedando case obsoletos coma as antenas que seguen a manterse en pé nos tellados e que semellan o mastro das casas que se atopan atracadas. Falamos dende a distancia, sen percibila, sendo conscientes do estraño que é sentir que un espazo, de súpeto, ao colgar o teléfono, quede baleiro.

Asomarnos pola fiestra é como estar dentro dunha pantalla. Polo de agora non pasamos de nivel, quedounos quizais algunha pista por atopar.

Volvo ó sofá a ver como a xente de dentro do xogo cambia de fase.”