Xurados

Xurado das seccións oficiais: internacional e galicia

O xurado outorgará o premio MICE ao Mellor Filme na Sección Internacional, dotado con 1000 euros e trofeo; e o premio MICE ao Mellor Filme Galego na Sección Galicia, dotado con 800 euros e trofeo.

Tânia Dinis

Mestrado Universitario en Prácticas Artísticas Contemporáneas FBAUP, 2015. O seu traballo atravesa diversas perspectivas e campos artísticos, como a fotografía, a performance, o cine e a estética relacional, a partir de imaxes de arquivos familiares -persoais ou anónimos-, e outros rexistros de imaxe reais, que ela recontextualiza en pezas que conectan tempo-imaxe-memoria.

A súa primeira curtametraxe, They’re Not Fava Beans, They’re Scarlet Runner Beans (2013) foi premiado en varios festivais de cine. Os seus traballos Cuentos de Viejas (2015) e Laura (2017) levaron o premio á mellor curtametraxe no Arquivo em Cartaz – International Festival of Archival Films.

Dinis dirixíu o programa SANGUE NOVO no XXII Festival de Cine Luso Brasileiro de Santa Maria da Feira (2019) e foi co-creadora de Linha de Montagem (2019) con Pedro Bastos e Sara Costa, co arquivo teatral A Oficina, CIAJG – Centro Internacional das Artes José de Guimarães. Foi unha das artistas seleccionadas para o programa “Artista no centro” 2020/2021 por A Oficina–Guimarães, e unha das gañadoras da convocatoria aberta de Laboratorios de Verán da GNRation de Braga coa instalación audiovisual Sobrepostos. En 2019, usa o arquivo fotográfico do Teatro Rivoli para crear a peza Bastidores, con motivo do 87 aniversario da entidade. Outros traballos de Dinis son: Temporary, co-creado con Maria Antónia Mion e Ana Villanueva; Álbum de Família, producido por Teatro Oficina (2017); Curva ascendente (2014), Rota (conto dunha familia) (2015) e Feminino (2012).

Os seus traballos teñen formado parte de exposicións individuais e colectivas en espazos como: A Gentil Carioca (Brasil), Sputnik The Window (Porto), Solar – Galería de Arte Cinematográfico (Vila do Conde), Museo Júlio Dinis (Ovar) ou Máus Hábitos (Porto). 

Dinis tamén ten realizado obradoiros educativos para público infantil e xuvenil en diversos festivais de cinema. 

xoan escudero

Comeza a traballar no mundo do cinema como técnico de son nos primeiros anos 2000. Aos poucos vai desenvolvendo o seu interese pola dirección e o guión. Debuta coa curtametraxe Curta no2 en 2009. No 2012 presenta en Cineuropa Curta no3, rodada a cabalo entre Compostela, París e Lisboa.

Os seguintes anos dedícaos á escritura de guión e asina as longametraxes Arquitectura e Cine e 30, para despois fundar en 2014, xunto con Analía G. Alonso e Sika Lamas, a produtora Y La Nave Va. Nese mesmo ano fai o seu debut como director no videoclip Éxodo de Linda Guilala.

No 2017 ve a luz O Tempo Futuro, unha película de non ficción que retrata un ano e medio na vida da deportista Bárbara Iglesias. Pecha o 2017 facendo o videoclip de Suicidio Tímido para o grupo Chicharrón.

Actualmente prepara varios proxectos, como a serie documental Otra Historia del Arte, xunto con Miguel Ángel Cajigal, “El Barroquista”, labor que compaxina co seu traballo no departamento educativo do Museo Centro Gaiás.

sabela losada

Politóloga, xestora cultural e técnica de igualdade especialista en políticas do coidado con enfoque de xénero. Investiga e traballa fronte as violencias machistas, e estuda as súas consecuencias desde unha perspectiva etnográfica. Tamén é escritora e ten colaborado na organización de actividades especiais no Festival Internacional de Cinema de Dereitos Humanos de Bos Aires e no Festival Internacional de Cinema Ambiental – FINCA. 

Xurado AGANTRO

O premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, outorgado pola Asociación Galega de Antropoloxía, está dotado con 500 euros e trofeo. Integran o xurado:

paula ballesteros

Actriz, antropóloga e arqueóloga, centra o seu proceso de investigación en observar e analizar a paisaxe rural galega como un palimpsesto de intervención humana continua no tempo, pero tamén como unha realidade social extinta.

Como investigadora, desde o CSIC, forma parte de diversos proxectos de I+D+i entre os que destacan os seus traballos sobre a paisaxe cultural do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Ademais de escribir artigos para revistas especializadas e de divulgación, o seu traballo de campo derivou na proposta expositiva audiovisual ONSSOA (2021) producida pola 16 MICE e o Museo do Pobo Galego, onde rescata o seu diario de campo e súa produción fotográfica, sonora e fílmica para elaborar un relato autoetnográfico do que sucede e sente durante as súas longas estancias soa na illa de Ons. Tamén, en proxectos relacionados co patrimonio inmaterial urbano como o realizado no barrio de Vite (Santiago de Compostela) onde, a través de procesos colaborativos, se crea ViteArquiva (2019), unha plataforma que arquiva e mostra a memoria social dun barrio construído nos anos 80 na periferia da cidade histórica.

Enlazando co esta traxectoria, fórmase como actriz, combinando a creación escénica e actoral co coñecemento adquirido no eido das Ciencias Sociais. Con “3MulleresTeatro”, en DESafiuzadas (2021) fusiona o traballo de campo etnográfico coa dramaturxia para visibilizar a situación actual das mulleres que viven na rúa, soas. Co “Colectivo Sonoro Rupestre”, leva a cabo A pedra que fala (2021), peza perfomática, sonora e poética donde, ademais de actuar como performer, recolle a memoria social dun sitio arqueolóxico, vinculando a xente do lugar no proceso creativo. Recentemente, colabora como performer con aCentral foque en varias pezas de videoarte: #abellón (2020) xunto con Xoán Xil, Berio Molina e Ariel Ninas. Creacións contemporáneas dun ritual relacionado coa morte que parte da memoria social fosilizada e que xuntas danzaron en Corrubedo (2021) no contexto de Monumenta, andar con arte.

pablo rojas

Antropólogo da Universidade Austral de Chile. Candidato a doutor en Socioloxía pola Universidade de Wageningen dos Países Baixos. Bolseiro da Axencia Nacional de Investigación e Desenvolvemento de Chile (Folio Nº 72200403). Traballou sobre violencia política, extractivismo e relixiosidade, así como ao redor dos supostos éticos, teóricos e metodolóxicos da práctica antropolóxica. Amais de libros, capítulos de libro e artigos, o seu compromiso investigador levouno a involucrarse na construción dun documental, un videoclip, etnografías visuais, reportaxes xornalísticas e programas de radio e podcast. Actualmente, indaga sobre alianzas políticas entre humanos e non humanos en situacións de conflitividade a partir de casos ubicados en territorio mapuche en Chile e no rural galego en España.

sabela losada

Politóloga, xestora cultural e técnica de igualdade especialista en políticas do coidado con enfoque de xénero. Investiga e traballa fronte as violencias machistas, e estuda as súas consecuencias desde unha perspectiva etnográfica. Tamén é escritora e ten colaborado na organización de actividades especiais no Festival Internacional de Cinema de Dereitos Humanos de Bos Aires e no Festival Internacional de Cinema Ambiental – FINCA.