MICE Petís. Cinema en escolas e institutos

Programa de achegamento á realización de cinema etnográfico

MICE Petís é o espazo escolar dentro da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. O cine e os medios creativos vertebran un eixo importante na sociedade desde a formación e o ensino das persoas no desenvolvemento socio cultural. Sendo ademais a MICE un evento xurdido no DEAC (Departamento de Educación e Acción Cultural) do Museo, non podiamos esquecer aos e ás máis novas. Coa nosa estratexia de colaboración cos centros escolares do país, nesta décimo oitava edición poñemos en funcionamento unha proposta piloto de creación de pezas audiovisuais en tres institutos galegos e co grupo mozo do CSC Aurelio Aguirre de Conxo (Santiago de Compostela).

O programa, dirixido a alumnado da ESO e Bacharelato, está titorizado polo DEAC do Museo do Pobo Galego e o creador e docente Bruno Arias. O alumnado, xunto coas persoas responsables en cada centro, realizarán todo o proceso creativo dunha curta etnográfica, desde a idea e o guión ata a edición final. Interésanos achegarnos, a través do audiovisual e apoiándonos no documental de non-ficción, á visión da rapazada sobre unha cultura e tradicións en constante cambio. Como se transmite a este colectivo e como a reciben? Como viven no século XXI manifestacións culturais herdadas de moitas xeracións atrás? Que novos costumes están a desenvolver no seu día a día como grupo? Cales son os ritos de adolescencia para a integración na sociedade actual? 

As pezas saídas do programa proxectaranse no Museo do Pobo Galego o 31 de xaneiro, nun encontro que acollerá a todos os axentes implicados neste proceso.  


MICE PETÍS VIRTUAL

A partir do 14 de marzo e ata final de curso, os centros educativos terán a posibilidade de programar a MICE Petís na propia aula, a través dunha ligazón que se lles enviará unha vez tramitada a solicitude.

Para optar a esta actividade, de xeito gratuíto, deberán escribir un correo a: servizosdeac@museodopobo.gal ou chamar ao 981 58 36 20.

Poderán escoller aqueles filmes que mellor se adapten por contido, e organizar os pases como mellor lles encaixe na axenda escolar.

OS FILMES DISPOÑIBLES SON:

A MIÑA TERRA

2020 I  27′ I Galicia

Santiago D. Risco 

Mellor Filme Galego na 16ª edición da MICE.

Na familia do director quedaron uns terreos en herdanza, pero ninguén sabe onde están a maioría deles. Son pequenos e están espallados no medio do monte. O director e o seu pai emprenden unha busca para atopalos. As liñas marcadas nos mapas pérdense ao buscar divisións na terra. Desaparecen. O que atopan en realidade son as cicatrices dunha forma de vida e sociedade nos seus últimos momentos.

OS CORPOS

2020 I 11’ I Galicia

Eloy Dominguez Serén

Estreado en Galicia na 16º edición.

Unha peza que filma, de modo envolvente, os festexos e o ambiente do Entroido dalgúns lugares de Ourense.

romis calis

2004 I 28’ I Cataluña

Carla Alonso

Filme participante na 1ª edición da MICE.

La chica e Marisol son dúas mulleres que non se coñecen. Do encontro prolongado de ambas xurdirá un discurso no que elas mesmas analizarán a situación da muller xitana nos comezos do século XXI.

o último de arganeo

2022 I 29′ I Galicia/León

David Vazquez

Mellor Filme Galego na 17ª edición.

Edilberto Rodríguez (23 anos) estudaba na Universidade, pero desde pequeno sempre quixo ser pastor como o seu avó. Deixouno todo para volver a Pombriego (Benuza, León) e cumprir o seu soño. Todos os anos sube á montaña co gando. Aínda que é novo, ten a sabedoría popular dunha persoa vella. É un libro aberto das tradicións da súa terra e recupera tamén o Entroido perdido de Pombriego. O filme representa o amor polos animais, pola natureza, polas tradicións ou o baile.


PROGRAMA FAMILIAS

Proposta online para que petís e maiores da casa traballen conxuntamente o hábito de ver cinema.