Coa colaboración de MDOC – Festival Internacional de Documentário de Melgaço

Esta sección é un punto de encontro ao redor dos procesos creativos e de documentación de filmes con interese etnográfico pero como indica  o propio nome, fai referencia ás fronteiras: as que existen na propia deriva deste tipo de cinema na que se dilúen os límites entre a ficción e o documental,  a rica variedade de recursos e estilos de representación; ou as xeográficas e culturais representadas no cinema etnográfico.

As sesións de Lindes teñen un carácter especial: traballos en proceso ou que non contando cos requirimentos para as seccións competitivas, si teñen un gran interese desde a reflexión antropolóxica; proxectos de exhibición ou de fomento da producción etnográfica desde o audiovisual; creacións con vontade de difusión de elementos conformadores de identidade cultural en territorios concretos.

É o caso dos tres filmes que se van proxectar neste apartado da man do MDOC, Festival Internacional de Documentário de Melgaço cuxas sesións teñen un carácter de encontro co cinema exhibido por un festival afín que transcorre no territorio arraiano. Alén da proxección, estas sesións dispoñen tempo para que os e as convidadas podan falar de vagar co público sobre os  procesos creativos e de produción.

Fotograma Dispersos pelo centro

DISPERSOS PELO CENTRO

Sábado, 18 de marzo, ás 20h30 en Numax

2021 I 77 min I Portugal

Dirección: António Aleixo


Tiago Pereira convida ao xeógrafo Álvaro Domingues a facer unha viaxe polas Terras da Chanfana. O filme retrata un presente sen presumir de adiviñar o seu futuro nin anhelar un pasado desaparecido, investigando a cuestión de que é un territorio.

Fotograma Four Seasons in a Day

FOUR SEASONS IN A DAY

Domingo, 19 de marzo, ás 18h en Numax

2021 I 75 min I  Bélxica- Lituania

Dirección: Annabel Verbeke

No noroeste da illa de Irlanda, a fronteira entre a República de Irlanda e o Reino Unido transcorre no medio dun fermoso fiordo glaciar, o Carlingford Lough. O Carlingford Ferry atravesa o Carlingford Lough a diario, levando a xente dun lado ao outro. Atopámonos con varios personaxes do Norte e do Sur, con diferentes puntos de vista, facendo esta tranquila viaxe pola magnífica e verde paisaxe irlandesa. A curta viaxe está a romper as presas do día e provoca momentos de reflexión interior ao cruzar a fronteira invisible, no fondo do lago. O filme explora o concepto de identidade e comunidade nunha illa dividida non por unha, senón por dúas fronteiras: unha física entre o Reino Unido e Irlanda e unha fronteira mental entre opinións aparentemente incompatibles sobre o papel e o significado da fronteira. Opinións que adoitan cambiar cando os factores persoais superan os ideolóxicos. A auga entre cada lado pode ser moi profunda, todos teñen o tempo imprevisible en común. Pero a expresión local “4 estacións nun día” só reflicte o tempo?

Vencedora do premio Jean-Loup Passek en 2022 e do premio á Dirección Emerxente no Hot Docs Canadian International Documentary Festival.

SELECCIÓN DE FILMES DO PROXECTO

PLANO FRONTAL

Dispoñible a través da MICE en liña

Varias autoras

2021-22 I 70 min I Portugal

Plano Frontal é unha proposta de Lugar do Real, proxecto de AO NORTE. Associação de Produção e Animação Audiovisual.