TALLER: de quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropoloxía audiovisual
Un taller a cargo do Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental (LAAV_), co Chus Domínguez e Belén Sola Pizarro como formadores/as, e realizado en colaboración coa Facultade de Educación da Universidade de Santiago de Compostela.
12 horas de formación especializada. Luns 20 e martes 21 de marzo.
O prezo xeral é de 40 euros con descontos para persoas socias do Museo do Pobo Galego, AGANTRO (Asociación Galega de Antropoloxía) e CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización), e para estudantes e persoas desempregadas.
Inscripcións en mice@museodopobo.gal.
Sinopse:
Nas últimas décadas tense escoitado falar de arte colaborativa ou proxectos artísticos realizados en contextos sociais que, en moitas ocasións, están asociados a proxectos de mediación comunitaria que son codeseñados, xestionados ou coordinados por educadoras/es. Estes proxectos, onde mediación, creación e comunidades se encontran, están sendo unha oportunidade para pensar as prácticas de educadoras e artistas como formas de incidir no contexto social de maneira significativa, e para pensar noutras maneiras de relación educadora-artista-comunidade.
O taller está dividido nunha primeira parte expositiva, onde se amosarán proxectos de traballo colaborativo levados a cabo a través do LAAV_ (Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental), e unha segunda parte práctica na que poder compartir procesos de traballo e ferramentas concretas coas persoas que participan no taller.
O LAAV_
É un laboratorio para a creación audiovisual con comunidades que se pon en marcha no ano 2016, froito da colaboración entre o creador audiovisual Chus Domínguez e a mediadora e investigadora cultural Belén Sola. Ata a data, produciron máis de cinco proxectos audiovisuais, ademais de soster e coidar un espazo estable para a publicación de textos e o encontro de persoas interesadas na combinación entre arte, audiovisual, pedagoxías críticas e etnografía experimental. Os seus filmes poden verse na plataforma de cine Filmin, e os seus textos e procesos poden consultarse na súa web.
Belén Sola é investigadora e mediadora entre as prácticas artísticas contemporáneas, a etnografía experimental e as pedagoxías crítias. As súas liñas de traballo prioritarias son a creación colaborativa e a investigación experimental no cruce da antropoloxía e a arte. É codirectora do LAAV_ Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental xunto co creador audiovisual Chus Domínguez e profesora na Facultade de Educación da Universidade de León.
Chus Domínguez é creador audiovisual e traballa na órbita do cinema documental. Xunto con Belén Sola puxo en marcha e codirixe o LAAV_ (Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental). Forma parte do colectivo Orquestina de pigmeos. É profesor na Diplomatura en Documental da ECAM (Escola de Cine da Comunidade de Madrid) e no Grao de Belas Artes da Universidade de Salamanca.
Q and A entre Ainhoa Rodríguez e a A Cuarta Parede
Xoves 16 ás 21h30 en Numax
Nesta edición, Ainhoa Rodríguez, que comisaría a sección Impropias, falará sobre a súa selección para a sección nunha entrevista aberta ao público co xornalista e director de A cuarta parede Jesús Silva sobre a selección que realizou para esta décimo oitava edición da MICE.
ENCONTRO CINE E ETNOGRAFÍA: GALICIA PORTUGAL
Sábado 18 ás 16h00 no Museo do Pobo Galego
Encontro entre cineastas e programadoras de ambos os dous lados do Miño: Tania Dinís, Eloy D. Serén, Santi Teijelo, Coral Piñeiro, Fran Domínguez Casal e Daniel Maciel.