RECONSTRUCIÓN DE CANTO DE EMIGRACIÓN
Mércores, 15 de marzo, ás 20h no Teatro Principal
Documental – Cine mudo I 1935 I 20’ I Galicia
Director: Antonio Román
Guión: A. Román
Música: Teódulo R. Páramos
Fotografía: Antonio Román
Montaxe: A. Román
Intérpretes: Celso Madriñán e veciños de Coles
A historia dun campesiño galego que, tras experimentar a vida da aldea, marcha a América a buscar fortuna e regresa pobre e enfermo.
A rodaxe de Canto de emigración realizouse en 1934 a poucos quilómetros de Ourense, en Coles, Ribela, Malvedo… e na capital da provincia. O protagonista foi o actor ourensán Celso Madriñán, que practicaba teatro afeccionado e a quen Román elixiu pola súa aparencia física -era delgado e podía facer de home emigrado que volve enfermo- e a súa expresión de tristura natural. O resto dos personaxes foron interpretados por veciños e veciñas de Coles. A película está inspirada nun debuxo de Castelao. Cunha duración aproximada de vinte minutos, a película concíbese coma “cine puro”, ao xeito da Romanza sentimental de Eisenstein. Unha obra cunha coidada estética visual combinada cunha música composta ad hoc e que cubre a totalidade do filme.
Reconstrución do filme
O cineasta galego Pepe Coira foi o encargado da reconstrución do desaparecido filme de Antonio Román Canto de emigración (Romance en imágenes sobre motivos gallegos) (1934), unha película curta que foi recibida na súa época coma un dos raros exemplos de cine de vangarda en España. Pepe Coira reconstrúe Canto de emigración mediante os materiais que quedan da película. Non se trata dunha restauración ou dunha versión da película, senón dun traballo que permitirá que o espectador imaxine algo que hoxe está perdido. Aínda que non se conserven copias do filme, si se conservan unha serie de elementos que fan posible imaxinar como foi. Un deles é o seu guión, un texto que Antonio Román escribiu para unha revista de cine no que detalla, secuencia a secuencia, e cunha linguaxe poética, o contido da película. Tamén se conservan unha serie de fotografías: imaxes da rodaxe, grazas ás que podemos saber como estaba caracterizado o protagonista, ese home que regresa de América enfermo. Fotos, ata agora descoñecidas, que conserva a familia de Celso Madriñán, o actor protagonista.
Sobre a música da película, neta de Teódulo Páramos, profesora de piano no Conservatorio de Vigo e violinista na Orquestra Clásica de Vigo, conserva a partitura orixinal que o seu avó compuxera para a película de Román. Coira fía todos estes elementos, que conflúen nun evento no que se interpretará en directo esa BSO de Teódulo Páramos e, sincronizada con ela, unha proxección que conterá o argumento e imaxes. Isto dará boa conta da idea de como era Canto de emigración narrativa e visualmente, usando os fotogramas que se conservan e planos doutros filmes e que encaixan co que o propio Román fixo no seu día.
Orquesta Clásica de Vigo
A Orquestra Clásica de Vigo é a formación máis antiga de Galicia. Nace en 1984 da man de Manuel Martínez Álvarez-Nava e dende os seus comezos apostou pola innovación nos formatos e o traballo conxunto entre disciplinas, espazos e estilos.
Durante os anos que leva en activo, as obras interpretadas cóntanse por centos, e nos seus últimos programas incluíronse propostas de danza, cine en directo, bandas sonoras, combinando fórmulas máis actuais e obras consagradas. A Orquesta Clásica de Vigo non entende de estilos ou etiquetas na súa programación, que se presenta como un espazo aberto de debate co que realizar novos proxectos e atraer a públicos distintos aos da música clásica tradicional, constatando que clásica é sinónimo de universal e atemporal.