Xurado da competición internacional e da competición galega
O xurado outorgará o premio á Mellor Película Etnográfica dotado con 1000 euros e trofeo; e o premio á Mellor Película Galega dotado con 800 euros e trofeo.
Adriana Pérez Villanueva. Licenciada en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela. Especializouse en Animación na Escola de Cine de Madrid. Foi bolseira na televisión local de Chantada, Televinte, e no Festival de Animación Animacam en Sandiás. Dirixiu o documental Con Etiqueta, en 2012, sobre a saúde mental nas persoas diagnosticadas e nas súas familias na Asociación Pro Saúde Mental A Creba. Formou parte do proxecto Videocartas Galiza-Berlín en 2014 que pon o foco na actual emigración galega, neste caso á capital alemá. Dende o 2012 é integrante da produtora audiovisual Illa Bufarda, onde desenvolve a súa actividade creativa e docente. Co-dirixe, xunto con Sabela Iglesias, integrante de Illa Bufarda, as longametraxes Fíos Fóra, historias de obreiras entre costuras e patróns (2015) e Negro Púrpura, película inaugural da pasada edición da MICE.
Vicente Vázquez. Formado como artista visual, Vicente Vázquez traballa dende o 2001 de forma conxunta e individualmente baixo diferentes denominacións. A súa obra está relacionada co ámbito das artes visuais, o cine, a danza contemporánea e a performance. Como expansión da súa práctica colaborativa en 2013 xunto a Usue Arrieta, Marc Vives e Ainara Elgoibar (ao que se une posteriormente Nader Koochaki) pon en marcha Tractora Coop., unha cooperativa de artistas con sede Bizkaia que se constitúe para formalizar e servir de soporte dos proxectos artísticos dos e das súas socias así como de producir outros de terceiros cos que os membros da cooperativa comparten intereses, afectos e inquietudes. En novembro de 2016 o Anthology Film Archive programa unha sesión de traballos audiovisuais do realizador e de Useu Arrieta co-producidos por Tractora. En 2018, dentro do seo de Tractora, nace a editorial –zko coa finalidade de sacar á luz e distribuír traballos que se desenvolven entre a arte e outras disciplinas do coñecemento. En paralelo ao nacemento da editorial, comeza un período de documentación arredor da vida e dos traballos do artista neozelandés Darcy Lange, investigación que logo formaría parte da exposición Landa Lan. A Documentation of Darcy Lange en Tabakalera, o centro internacional de cultura contemporánea de Donosti. En xaneiro de 2020, inaugurou a exposición De lo cierto a lo pintado na Galería Nordés en Santiago de Compostela.
Humberto Martins. Doutor en Antropoloxía Social e Antropoloxía Visual en Manchester é profesor na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). Investigador do Centro em Rede de Investigação em Antropologia (CRIA), formando parte do seu Núcleo de Antropologia Visual e da Arte (NAVA) e director da Revista Etnográfica. Ten pesquisado e escrito no ámbito da antropoloxía visual, con realización de documentais. Programa, organiza e tamén ten sido xurado en mostras e festivais de cinema etnográfico desde 2002.
Xurado AGANTRO
O premio AGANTRO, outorgado pola Asociación Galega de Antropoloxía, está dotado con 500 euros e trofeo.
Antonela Mannelli Beatriz Busto Iñigo Sánchez-Fuarros
Antonela Mannelli. Licenciada en Antropoloxía pola Universida Nacional de La Plata en Arxentina. Ten un mestrado en Xestión da Diversidade Cultural, o Patrimonio e o Desenvolvemento pola Universidade de Sevilla. Tamén foi investigadora en proxectos sobre diversidade cultural, pobos indíxenas e educación, e docente en talleres escolares e en centros barriales sobre diversidade cultural na Universidad Nacional de La Plata.
Beatriz Busto. É profesora na Área de Antropoloxía Social, na Facultade de Filosofía, na Universidade de Santiago de Compostela. Doutora en Antropoloxía Social e Licenciada en Historia e Ciencias da Música pola Universidade Autónoma de Madrid. Mestra Especialista en Educación Musical pola Universidade de Vigo exerce como pedagoga musical dende o ano 2008 en diversas institucións educativas, tanto na ensinanza regulada como na non regulada. É investigadora do Grupo/Rede Galabra na que se integra como especialista en Antropoloxía Social analizando os impactos que o fenómeno do Camiño de Santiago imprime nas comunidades locais que se ven atravesadas por el. Coordina a súa vida investigadora e docente pertencendo a dous universos profesionais: a música e a antropoloxía. Froito desa dobre experiencia e formación son as súas publicacións; participacións en múltiples congresos, conferencias e relatorías; entrevistas e o recoñecemento técnico profesional e investigador de ambos sectores.
Iñigo Sánchez-Fuarros. É investigador Ramón e Cajal no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, onde traballa sobre temas relacionados con cultura expresiva, turismo e procesos de patrimonialización en contextos urbanos, cun interese especial en metodoloxías que vinculan a etnografía, a imaxe e o son. Anteriormente traballou como investigador posdoctoral na Universidade Nova de Lisboa e na Queen´s University de Belfast. É doutor en antropoloxía pola Universidade de Barcelona e na actualidade coordina o proxecto de investigación “Sounds of Tourism” (PTDC/ART-PER/32417/2017) en Portugal e co-dirixe outro proxecto de I+D+i titulado “HabitPAT: Os coidados do patrimonio” (PID2020-118696RB-I00) desde o Incipit-CSIC.