Coa colaboración do Cineclube de Compostela
Un programa que se desenvolve en colaboración co Cineclube de Compostela, e que constitúe referentes do cinema etnográfico, moitos deles nunca estreados en salas de cinema galegas. Imos contar con diferentes pezas de carácter etnográfico que remiten a distintas reflexións sobre o traballo nunha proposta que coordina o artista visual Vicente Vázquez e o cineclube de Compostela.
Desde os seus primeiros momentos, hai unha estreita vinculación entre o cinema e o traballo; cabe lembrar aquí que a primeira gravación dos irmáns Lumière é a Saída dos obreiros da fábrica, filmación paradigmática á hora de establecer este tipo de lazos. Tanto dentro do documental como na ficción, vai haber unha veta que tente vencellarse estreitamente ao traballo buscando as pegadas no real de operarios, industria e mecanismos de produción, desde os intentos na época das vangardas de representar a clase obreira, ata os experimentos ensaísticos de finais dos 60 e principios dos 70 de certos grupos de acción que inclúen por igual cineastas e persoal do traballo.
Este ciclo busca visualizar os traballos invisíbeis, os temas tabús normalmente apartados da cultura obreira a través dunha serie de propostas formais e tematicamente provocadoras. A primeira sesión está vehiculada pola integración no mercado laboral e o concepto do traballo como capital; na segunda trátanse traballos que non consideramos como tales, o que fai que quen se dedica a eles quede á marxe do sistema e da posible protección laboral; a terceira é unha contraposición entre o traballo como artesanía e o traballo como industria; a derradeira, céntrase no material gravado por Ferran Llagostera sobre o Gran Sol.
Texto Vicente Vázquez para Trazas
Todos os filmes pásanse con subtitulado para facilitar a súa comprensión e accesibilidade
O necem jinem
Martes 29 de marzo ás 20h30 no Teatro Principal
Entradas no despacho de billetes da Zona C e do Teatro Principal
90’ I 1963 I Checoslovaquia
Vera Chytilová
En 1963 Věra Chytilová debutou con esta longametraxe na que intercala dúas narrativas aparentemente opostas: as historias de dúas mulleres de trinta e poucos que nunca se coñeceron pero que, en distintos niveis, teñen que lidiar cunha problemática similar. Esta narración paralela segue a crise matrimonial dunha ama de casa e a crise profesional dunha deportista olímpica.
Three Quarters
Mércores 30 de marzo ás 22h00 no Teatro Principal
Entradas no despacho de billetes da Zona C e do Teatro Principal
5′ I 2015 I EUA
Kevin Jerome Everson
Unha curta sen diálogos na que dous ilusionistas de Philadelphia practican os seus trucos con naipes e moedas.
Les prostituées de Lyon parlent
Mércores 30 de marzo ás 22h00 no Teatro Principal
Entradas no despacho de billetes da Zona C e do Teatro Principal
46′ I1975 I Francia
Carole Roussopoulos
O documental recolle o momento, en xuño de 1975, cando unhas duascentas prostitutas ocupan a igrexa de Saint-Nizier en Lyon. Falan da súa vida persoal, da súa relación coa sociedade, das súas condicións laborais e do que queren. Declaran como mulleres e nais, e esixen que se poña fin ao acoso policial, fiscal e social que lles afecta. Fóra da igrexa, monitores de vídeo transmiten as discusións para os transeúntes, na súa maioría homes.
Hands: Shannon One Design
Xoves 31 de marzo ás 18h00 en Numax
Entradas en Numax e na billeteira
26′ I1981 I Irlanda
David e Sally Shaw-Smith
David e Sally Shaw-Smith documentaron máis de corenta artesanías tradicionais irlandesas. Neste capítulo Jimmy Furey, un antigo pescador de anguías, constrúe un barco de vela baseado nun barco tradicional de pesca do río Shannon de 18 pés. O documental recolle o proceso de construción do barco.
Classe de lutte
Xoves 31 de marzo ás 18h00 en Numax
Entradas en Numax e na billeteira
40′ I 1969 I Francia
Chris Marker, Groupe Medvedkine de Besançon
En marzo de 1967, Chris Marker recibiu unha carta do Centro Cultural do Pobo, que estaba implicado na ocupación da fábrica de Rhodiaceta en Besançon, solicitando que as súas películas fosen proxectadas na fábrica. Marker acepta e viaxa á fábrica, para, unha vez alí, coller a cámara de 16 mm e filmar a folga. Este acto levará á película “A bietot j’espere” (1968) pero, sobre todo, á unión de traballadores e cineastas para a creación conxunta de películas militantes, baixo o nome de Grupos Medvedkine. Da primeira sección, a de Besançon, xorde a curtametraxe “Classe de lutte”. Este traballo segue a creación dunha sección sindical da CGT nunha fábrica de reloxos de Besançon na que a traballadora Suzanne Zedet, loita por mobilizar ás demais mulleres da fábrica.
El mar de los peces. notas sobre terranova
Con presentación do director
Sábado 2 de abril ás 18h00 en Numax
Entradas en Numax e na billeteira
100′ I 1988 I España
Ferran Llagostera
En 1988, o catalán Ferran Llagostera dirixiu “Gran Sol”, unha historia situada nun barco pesqueiro que faenaba nos grandes bancos de pesca do norte e que narraba as historias dos mariñeiros embarcados nel. Tres anos máis tarde, o director chamou a varios dos protagonistas desta película (Bisquert, Lucena, Iriondo) para rodar “Terranova”, unha historia moi similar pero inspirada na novela “La mar es mala mujer” de Raúl Guerra Garrido.
Detalle: Material inédito gravado durante a rodaxe do filme “Terranova”, do mesmo autor.