MICE Petís é o espazo escolar dentro da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. O cine e os medios creativos vertebran un eixo importante na sociedade desde a formación e o ensino das persoas no desenvolvemento socio cultural. Tratándose ademais a MICE, un evento xurdido no DEAC (Departamento de Educación e Acción Cultural) do Museo, non podiamos esquecer aos e ás máis novas.
Coa nosa estratexia de colaboración con outros festivais galegos e de fóra, tamén para a programación escolar, este ano contamos como festival convidado co Olloboi. Este é un evento audiovisual de curtametraxes feitos no ámbito escolar que organizan desde o 2009 unha asociación sen ánimo de lucro radicada en Boiro. Dirixido a todos os niveis educativos ten unha especial acollida entre a preadolescencia o cal nos interesa moito na creación de públicos novos. A proposta é unha selección de curtas realizadas neste festival nos últimos anos constituíndo un programa en presencial con sesións matinais e unha proposta dixital que se estende até fin de curso e que pode programar o persoal docente nos propios centros. En relación con esta colaboración, proxectaremos fóra de concurso, en concreto na sesión inaugural, o documental que conta a historia deste festival: Cadernas de Olloboi.
Sesións PRESENCIAIS. Durante a semana do 28 de marzo ao 1 de abril teremos sesións matinais no Museo para poder ver estas curtas. Unha ás 11h e outra ás 12h30.
Sesións VIRTUAIS. A partir do 28 e até final de curso, esta proposta irá aos centros escolares facilitando e compartindo as curtas a través dunha ligazón grazas a cal o profesorado poderá programar a MICE Petís nos propios centros.