Coreografías do facer. O traballo feminino nos fondos Henningsen.
Programada no marco da 17ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico.
Do 22 de marzo ao 1 de maio de 2022 no Museo do Pobo Galego.
Comisariada por Ana Estévez Lavandeira e David Conde.
Aberta en horario do Museo do Pobo Galego:
De martes a sábado: 11 horas – 18 horas [horario continuado].
Domingos: 11 horas – 14 horas.
Gustav Henningsen (Slagelse, Dinamarca, 1934) é un destacado folclorista, antropólogo histórico e investigador que estivo ligado durante a súa vida profesional ao prestixioso Arquivo Danés do Folclore [Dansk Folkemindesamling] da Biblioteca Real de Dinamarca.
Entre 1964 e 1968 realizou traballo de campo en Galiza, principalmente na comarca de Ordes, para estudar os rituais e as crenzas máxicas arredor da bruxería. Mentres que os seus traballos sobre esta materia tiveron alcance internacional, os outros materiais compilados (entre eles os musicais) ficaron “esquecidos” até hoxe. O fondo Henningsen integra unha impresionante colección fotográfica, da cal se realizou en 2015 unha primeira exposición no Museo do Pobo Galego, e un valiosísimo arquivo fonográfico que permanece até o dia de hoxe completamente inédito. Ambos están en proceso de facer parte dos fondos do Museo do Pobo Galego a través dun convenio de doazón co propio Henningsen.
A exposición consta dunha pequena selección de imaxes de mulleres exercendo diferentes traballos. Algunhas destas fotografías son inéditas.