Sección Trazas

Sección comisariada polo Cineclube de Compostela

O uso dunha ou doutra maneira de falar está fortemente ligado á identidade dunha comunidade, pouco importa que esta estea formada por dúas irmás illadas do mundo ou por toda unha colectividade que se erixiu ou pretende erixirse en estado. As nosas escollas lingüísticas, nunca son fortuítas, senón que dependen de relacións de poder condicionadas por toda a nosa bagaxe persoal e por como nos situamos no mundo en termos como os de clase, xénero ou nación. A visión que se constrúe sobre como nos expresamos tamén é de todo menos inocente: desde o prescritivismo que corrixe “erros” na fala até o darwinismo social que produce xerarquías nos idiomas, toda unha serie de relacións de poder pretende a imposición de modelos lingüísticos de prestixio ou condena á marxinación e o sometemento perpetuo a todas aquelas persoas que só poden ou queren expresarse doutro xeito. E, con todo, a resistencia lingüística persiste, quer loitando por dignificar un idioma minorizado, quer protexendo as nosas palabras de quen vén de fóra, mesmo se se tratar de antropólogas inxenuas, convencidas de que o contacto inocuo é posíbel.

Malia a que o cinema etnográfico inmortaliza as falas das comunidades que retrata,  mesmo as que doutra maneira estarían perdidas para as lingüistas, a lingua e toda esta serie de condicionantes que a acompañan non adoitaron ser o obxectivo principal da ollada dos seus filmes. Alén de recollas documentais de variedades en perigo de extinción, resulta difícil atopar títulos que teñan como tema principal a linguaxe humana. Filmes como os que compoñen esta sección, porén, tentaron dalgún xeito encher ese baleiro. E ao facelo, desvelaron moitas das compoñentes dese complexo urdido social e político sobre o que se constrúen as linguas. As historias que compoñen Trazas van da loita pola supervivencia do bretón (Yezh ar vezh de Philippe Durand) á perda do idioma propio no exilio (Journal inachevé de Marilu Maillet), das palabras “inventadas” de Poto and Cabengo á fala secreta das indias yachanes, da integración forzosa nos usos “correctos” dun idioma ao silenciamento das voces das mulleres, do plurilingüismo social ao bilingüismo forzoso (Het dak van de walvis [O teito da balea] de Raoul Ruiz). En definitiva, achégannos un pouco máis ao coñecemento e a reflexión sobre todo aquilo que realmente significa falar unha lingua.

Yezh ar vezh [a lingua da vergoña]

Estrea en España

Sábado 10 de abril ás 17h30 en NUMAX

52 minutos / 1979 / Francia

Dirección: Philippe Durand

Coa colaboración de: Jorj Belz e Kristen Noguès

Fotografía: Mario García Joya

Imaxe: Laurent Chevalier, Claude Garric, Joseph Kerouini e François Migeat

Son: Armand Boisberranger, Dominique Dalmasso e Alain Lachassagne

Música: Lucie Durand

Montaxe: Chantal Durand

Argumento: En forma de enquisa sobre a situación da lingua bretoa na década dos 70, A lingua da vergoña demostra como, a partir da segunda metade do século XIX, a escola comprometeuse a prohibir esta lingua, o que fixo que os seus falantes se sentiran culpables. As accións propostas pola película para a súa ‘rehabilitación’ son a punta de lanza dunha loita máis xeral polo recoñecemento da identidade bretoa.

Detalle: Un dos principais exemplos dos filmes militantes realizados baixo o selo Ciné-Breizh, creado por Philippe Durand coa vontade de desenvolver un cinema nacional bretón.

poto and cabengo [Poto e Cabengo]

Estrea en Galicia

Venres 9 de abril ás 18h00 no Teatro Principal

77 minutos / 1980 / EUA  – República Federal Alemá

Dirección e guión: Jean Pierre Gorin

Fotografía: Les Blank

Música: Leon Rosselson, Dean Parrish, Tobi Legend, Jimmy Radcliffe, Elgar

Montaxe: Greg Durbin

Argumento: É posible inventar un idioma? Ese idioma pode conter o mundo? Ese idioma pode protexer e illar ao mesmo tempo? Grace e Virxinia son dúas nenas xemelgas de San Diego que inventaron a súa propia linguaxe. O documentalista Jean Pierre Gorin, coñecido sobre todo polas súas colaboracións con Jean-Luc Godard, observa, rexistra e pregunta sobre este estraño caso e sobre o poder das palabras e a comunicación.

Detalle: Logo da ruptura do Grupo Dziga Vertov, Gorin inicia con este filme de baixo presuposto, rodado en 16 mm, unha “triloxía informal” sobre comunidades pechadas no sur da solleira California. 


HET DAK VAN DE WALVIS [O TEITO DA BALEA]

90 minutos / 1982 / Países Baixos

Xoves 8 de abril ás 17h30 en NUMAX

Dirección e guión: Raoul Ruiz

Fotografía: Henri Alekan

Música: Jorge Arriagada

Montaxe: Valeria Sarmiento

Produción: Monica Tegelaar e Kees Kasander

Son: Mildred Van Leeuwaarden

Reparto: Willeke van Ammelrooy, Jean Badin, Fernando Bordeu, Herbert Curiel, Luis Mora, Amber De Grau, Ernie Navarro

Argumento: A finais dun alternativo século XX, Jean, un antropólogo holandés e a súa muller Eva aceptan a oferta de Narciso, un millonario comunista que os convida a aventurarse na natureza patagónica para estudar a lingua dos dous últimos indios yachanes.

Detalle: Rodada en Holanda en seis linguas distintas (incluída unha inventada) e aproximadamente nunha semana e sen guión, O teito da balea, é unha sátira do imperialismo cultural, a antropoloxía e a lingüística, achegándose desde a fábula a conceptos como a alienación, o etnocentrismo ou a apropiación cultural.

Journal inachevé [diario inacabado]

Estrea en Galicia

Mércores 7 de abril ás 18h00 no Teatro Principal

50 minutos / Canadá – Chile / 1982

Dirección: Marilú Mallet

Fotografía: Guy Borremans

Son: Julian Olson

Montaxe: Marilú Mallet, Pascale Laverrière e Milicska Jalbert

Reparto: Isabel Allende, Marilú Mallet, Nicolas Rubbo

Argumento: En Diario inacabado a emigrante chilena Marilú Mallet loita por facer unha película sobre a súa experiencia de profundo illamento no exilio. O seu esposo de fala inglesa, un destacado cineasta, critica o seu enfoque subxectivo da cinematografía; o seu fillo pequeno, criado en Quebec, só fala francés. As entrevistas con Isabel Allende e outros exiliados chilenos revelan un vínculo profundo nesta poderosa e resoante película sobre linguaxe e xénero, exilio e inmigración.

Detalle: Inicialmente concibido como unha correspondencia fílmica entre Marilú Mallet e Valeria Sarmiento sobre o exilio, a falta de financiamento deu lugar a este “diario”, co que Mallet conseguiu o Premio especial do xurado no Festival Biarritz Amérique Latine de 1983.