Xurados

Xurado da competición internacional e da competición galega

O xurado outorgará o premio á Mellor Película Etnográfica dotado con 1000 euros e trofeo; e o premio á Mellor Película Galega dotado con 800 euros e trofeo.

Bibiana Martínez Álvarez. Doutora e licenciada en Antropoloxía Social pola Universidade de Barcelona (UB) con formación en antropoloxía visual e cine etnográfico da man de profesionais como Roger Canals. Forma parte dos grupos de investigación GER (Grup d’Estudis sobre Reciprocitat da UB) e GET (Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña). A súa liña de investigación céntrase na antropoloxía económica -dende unha perspectiva co foco na economía política- no contexto rural en Galicia, en concreto nas problemáticas ás que se enfrontan as granxas familiares. Esta investigación, deulle a oportunidade de realizar distintas publicacións, así como a participar en diversas estancias académicas e congresos estatais e internacionais. Coordinou xunto con Paula Ballesteros-Arias, Joan Roura e Carlos Diz a sección de cine etnográfico no 14th International SIEF Congress celebrado en Santiago de Compostela.

José Manuel Sande. Xestor cultural, activista, docente e programador de cinema, labor que desenvolve desde o CGAI – Filmoteca de Galicia. Presente en publicacións especializadas e libros colectivos, investigou sobre documental e historia do cinema español. Foi guionista e produtor asociado e interviu en proxectos de investigación académicos co cine como motor. Xurado en máis de vinte festivais cinematográficos, ten participado asiduamente en comisións de subvencións e bolsas a profesionais. É membro da Asociación Española de Historiadores del Cine e participou do nacemento de iniciativas de dinamización sociocultural como Galiza Ano Cero, o blog Acto de Primavera ou a revista Luzes, de cuxo consello de redacción formou parte.

Filipe Martins. Director do Family Film Project (Porto). Realizador, profesor na Escola Superior de Media Artes e Design (ESMAD) de Porto e investigador no Instituto de Filosofia (UP). Doutor na especialidade de Semiótica Social, mestre en Cultura Contemporânea e licenciado en Arte e Comunicação, ramo audiovisual na Escola Superior Artística (ESAP).

Xurado AGANTRO

O premio AGANTRO, outorgado pola Asociación Galega de Antropoloxía, está dotado con 500 euros e trofeo.

Joan Roura. Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural (2010) e Máster en Antropoloxía e Etnografía pola Universidade de Barcelona (2013). Traballou temáticas indixenistas e migratorias no Estado Plurinacional de Bolivia, así como sobre antropoloxía urbana e patrimonio cultural en Catalunya. Actualmente é Investigador Colaborador no Incipit (Instituto de Ciencias del Patrimonio) de Santiago de Compostela, realizando a súa tese doutoramento sobre movementos sociais, procesos participativos e demandas patrimoniais. Ten dous libros publicados e unha ducia de artigos en revistas nacionais e internacionais. É membro da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural (AGANTRO).

Guadalupe Jiménez-Esquinas. Antropóloga, doutora internacional pola Universidade do País Vasco (2018), mestrado en Estudos de Xénero polo CSIC-UIMP (2010), licenciada en Antropoloxía (UCM, 2009) e diplomada en Enfermería (UCO, 2005). Realizou a súa tese doutoral cunha bolsa Jae-Predoc no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e ten traballado como investigadora en antropoloxía vinculada ao proxecto internacional NEARCH. En 2017 recibiu o premio da USC á introducción da perspectiva de xénero na investigación. Na actualidade é profesora de Antropoloxía Social e Cultural na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. 

Carlos Diz. É doutor en antropoloxía pola Universidade da Coruña. Membro da Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO) e do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais da UDC (ESOMI). Forma parte tamén do Grup de Recerca en Exclusió i Control Socials (GRECS) da Universidad de Barcelona. É profesor na Facultade de Socioloxía da Universidade Coruña, onde organiza o ciclo de cine Sociocinema.