11 minutos / 2020 / Galicia
[Estrea en Galicia]
Dirección: Eloy Domínguez Serén
Producción: Beli Martínez e Eloy Domínguez Serén
Gravación e montaxe: Eloy Domínguez Serén
Son en directo: Alba Domínguez Serén
Deseño de son: Eloy Domínguez Serén e Juan Carlos Blancas
Cor: Pablo Cayuela
Argumento: Na provincia de Ourense festéxase cada ano unha das formas máis antigas de Entroido. Ao longo de varios días celébranse folións, farrapadas, corredoiros e baixadas con felos, cigarróns, pantallas e peliqueiros. Os singulares festexos, alumados con fachos e acompañados do estrondo de tambores, fílmanse de modo envolvente neste documental. As multitudinarias escenas nocturnas, con aglomeracións de xente, adquiren un significado adicional ao saber que esta celebración tivo lugar a finais de febreiro, só dez días antes do primeiro caso confirmado de Covid-19 en Galicia.
Detalle: Esta curtametraxe documental, producida por Filmika Galaika, vén de pasar por festivais internacionais e nacionais de prestixio como o IDFA de Amsterdam, Clermont-Ferrand ou o FIC Xixón.
A curtametraxe Os corpos terá na MICE a súa estrea en Galicia nunha proxección especial que contará coa presenza do seu director Eloy Domínguez Serén, a produtora Beli Martínez e unha representación dos entroidos de Laza e Maceda. A proxección do filme irá acompañada dun debate no que se afondará na tradición do Entroido ourensán e nas súas raíces culturais e etnográficas.