CONDICIÓNS XERAIS
16ª edición da mice 2021
Para concorrer á MICE, as obras presentadas deberán ter sido producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.
A MICE pretende achegar o cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual ao público, entendendo o cinema etnográfico como unha ferramenta de investigación, comunicación e creación. A mostra busca xerar un espazo de diálogo e intercambio, un foro ao redor de filmes que mostren aspectos relacionados coas distintas realidades socioculturais, tendo como foco principal as persoas, os grupos sociais ou os procesos históricos relevantes relacionados coa antropoloxía e a etnografía. Serán valorados como criterios de relevancia a importancia das cuestións abordadas, a calidade técnica e o sentido estético, a innovación tanto no temático como na maneira de comunicalo e a relevancia científica.
Os e as autoras ou as produtoras poderán presentar un máximo de dúas obras. Quedan fóra de admisión os traballos proxectados en anteriores edicións da MICE, aqueles cuxas persoas responsables estean involucradas na organización, así́ como os que teñan un carácter turístico ou publicitario.
INSCRICIÓN
A inscrición poderase facer a través das plataformas Clickforfestivals e Festhome ou Filmfreeway. Se houbese algunha dificultade para a inscrición en liña poderase solicitar a participación no concurso a través do correo: mice@museodopobo.gal.
Para a fase de selección, os filmes poderanse presentar en calquera idioma pero as películas rodadas en idiomas que non sexan galego ou castelán, teranse que presentar con subtítulos, preferentemente en galego e en castelán, ou no seu defecto en inglés. Se o filme é seleccionado, os subtítulos deberán estar en galego preferentemente, ou en castelán.
O prazo de presentación de inscricións finaliza o 8 de xaneiro de 2021 ás 23h59.
SELECCIÓN
A Dirección da MICE constituirá un comité de selección que fará a avaliación das películas recibidas. Este comité será o encargado de decidir cales pasarán a formar parte da sección concurso do festival. Ao finalizar o proceso de selección, a organización do festival comunicará a súa decisión ás persoas responsables das películas seleccionadas. A organización da MICE decidirá os días e as horas de proxección das películas. Unha vez incluída a referencia no catálogo, a película non poderá retirarse unilateralmente da competición.
As películas seleccionadas deberán enviar unha copia de proxección, preferentemente en formato dixital de alta definición antes do 10 de marzo de 2021.
A copia para a proxección deberá ir acompañada de título, formato, tipo de pantalla e tipo de son. A produtora e/ou distribuidora deberá proporcionar á MICE, información, tráiler e material para que o festival poda promocionar debidamente a película.
O subtitulado para a proxección na sección concurso deberá estar en galego preferentemente, ou en castelán e procurarán, na medida do posible, contemplar criterios de accesibilidade para persoas xordas.
Finalizado o festival, os filmes seleccionados, premiados ou non, pasarán a formar parte do arquivo MICE Museo do Pobo Galego, autorizando a consulta privada con fins educativos e de investigación e regulando a súa exhibición, presentación e difusión en mostras e programas culturais e educativos sen ánimo de lucro cos que a MICE ou o Museo do Pobo Galego colabore.
PREMIOS
As películas seleccionadas a concurso optan a:
- Premio MICE á mellor película etnográfica dotado con 1000 euros, trofeo e diploma.
- As películas galegas seleccionadas a concurso optan tamén ao premio MICE á mellor película etnográfica galega dotado cun premio de 800 euros, trofeo e diploma.
- Premio AGANTRO á excelencia antropológica outorgado pola Asociación Galega de Antropoloxía, dotado con 500 euros, diploma e trofeo.
- O público tamén outorga un premio que consistirá nun diploma e trofeo acreditativo.