Formación con Adriana Vila Guevara

TALLER – ‘DA INVESTIGACIÓN Á CREACIÓN BIOGRÁFICA’

DATAS: venres 9 de abril (de 16h a 20h) e sábado 10 de abril (de 10:30 a 14:30h / 16h a 20h).
DURACIÓN: 12 horas
PRAZAS: Para garantir a distancia social e facilitar o cumprimento das normas de limpeza e hixiene, as prazas están limitadas a 12 persoas.
LUGAR: Museo do Pobo Galego

Ao longo da súa historia como disciplina, a antropoloxía dedicouse á complexa tarefa de compresión do Outro/Outra, enfrontándose á contraditoria condición da influencia da propia presenza de quen investiga. Da mesma forma, na creación cinematográfica documental (e incluso noutras disciplinas artísticas interesadas na relación Outro/Si mesmo) a aproximación e desenvolvemento de relacións e comprensións dos personaxes que se desexa representar, sitúa ao creador ou creadora nun constante debate sobre as formas e os contidos que guían eses procesos. Como se comeza? O primeiro achegamento… Onde nos colocamos? Que preguntas facer, que preguntas non facer, que postura tomar, canto rexistrar, como rexistralo?
 
Este taller busca crear un espazo para a discusión destas e tantas cuestións que circundan o principio e desenvolvemento dunha aproximación. Sen pretender dar respostas únicas, enfócase en achegar unha variedade de métodos, recursos, principios, discusións e cuestionamentos de base etnográfica pero tamén cinematográfica e creativa, para a aproximación a esa complexa –aínda que tamén apaixonante- labor de comprensión do Outro/Outra. No intento de creación dunha das tantas posibles representacións de quen se foi no pasado, se é no presente, ou incluso se desexa ser. Entre construción de historia de vida, biografías, retratos ou simples garabatos. Onde, ademais, o autor ou autora sen querelo rematan por poñer en evidencia a presenza do seu propio Eu escorregadizo entre os marcos de toda exploración.
 
TALLER DIRIXIDO A… 
Todas as persoas interesadas nestes temas, sexa por interese persoal, como parte dun traballo de investigación en ciencias sociais, humanidades ou outras disciplinas, e en particular artistas e cineastas que queiran enriquecer os seus procesos creativos e explorativos.

OBXECTIVOS

  • Achegar unha serie de ferramentas de base etnográfica para a investigación, documentación e rexistro audiovisual de historias de vida ou biografías, útiles tamén para a creación de retratos cinematográficos/artísticos.
  • Estimular o interese pola compresión do outro/outra, como un proceso de descubrimento paulatino, profundo, respectuoso e complexo.
  • Recoñecer tamén a calidade creativa de toda investigación. O lugar autoral de quen investiga e de quen se representa a si mesmo.
  • Discutir e desenvolver dúbidas, cuestionamentos, inseguridades, fracasos do proceso, así como o valor das confesións e iluminacións.
  • Transitar os dilemas e pontes entre a investigación e os pasos á creación de pezas audiovisuais segundo o seu destino (arquivo, rexistro, documental, peza artística ou cinematográfica).

PREZO, PRAZO E MATRÍCULA

Para facer efectiva a matrícula, será necesario solicitar a inscrición no correo electrónico mice@museodopobo.gal, indicando nome completo e DNI (indicar no asunto “Taller 16ª MICE Adriana Vila”). Unha vez enviado, precisarase a confirmación da organización para efectuar o pago do curso e facer efectiva a matrícula.

O prazo para matrícula estará aberto ata o 30 de marzo.

Prezo:
– Matrícula xeral: 40 euros
– Persoas desempregadas, estudantes e pensionistas: 25 euros
– Socios/as do Museo do Pobo Galego: 10 euros

Todas as alumnas recibirán un diploma acreditativo de asistencia ao curso.

ADRIANA VILA GUEVARA

É cineasta, artista e antropóloga. A súa obra desprázase entre a experimentación fílmica, a creación documental ou o estudo etnográfico reflexivo e confesional. Doutora en antropoloxía pola Universidade de Barcelona con unha tese sobre autoría, construción biográfica, imaxinarios e representación na construción dun retrato fílmico. É profesora de cine documental e experimental na Escola Superior de Cine e Audiovisuais de Cataluña (ESCAC), e co-fundadora do laboratorio de cine analóxico e independente Crater-Lab, onde combina o seu traballo de curaduría, docencia e creación de cine experimental. Imparte a serie de cursos ‘Artefactos cinematográficos’ do Archivo Xcèntric (CCCB), ademais de colaborar con distintas institucións formativas e centros cinematográficos, con talleres teóricos-prácticos de cine e antropoloxía. Proxectou a súa obra en numerosos festivais e espazos de arte entre os que figuran o FID Marseille, o Museo de Arte Moderna da Bahia ou IFFR Rotterdam Film Festival, entre outros. + INFO: www.adrianavilaguevara.com