Xurados

Xurado da competición internacional e da competición galega

O xurado outorgará o premio á Mellor Película Etnográfica dotado con 1000 euros e trofeo; o premio á Mellor Película Galega dotado con 700 euros e trofeo.

Jorge Moreno Andrés. Profesor de antropoloxía social e cultural na UNED. Cineasta e fotógrafo. Director do Proxecto de Investigación Mapas de Memoria (UNED). Director artístico do Certamen Internacional de Cine Documental sobre Migración y Exilio en México (CEME DOC). A súa investigación en antropoloxía audiovisual, violencia e memoria social abrangue dous obxectos principais: os usos sociais da fotografía e a utilización do cinema e os ensaios fotográficos na construción de relatos etnográficos. O seu libro El duelo revelado. La vida social de las fotografías familiares de las víctimas franquismo (CSIC, 2018) foi premio nacional de edición universitaria á mellor Monografía de Arte e Humanidades (2019). Como fotógrafo gañou o segundo premio Marqués de Lozolla de Fotografía Popular polo traballo Entre lo urbano y lo rural: la matanza del cerdo (España, 2006). Como cineasta gañou en 2011 o premio ao mellor documental do Festival Internacional de Castilla La Mancha polo traballo Vuelo a Shangrila. En 2015 o seu documental What Remains, foi seleccionado no Margaret Mead Film Festival (New York), no ALBA Human Rights Documentary Film Festival (New York) e no Ethnografilm Festival (París), entre outros. 

Xisela Franco. É cineasta, documentalista e profesora. Licenciada en Comunicación Audiovisual e Humanidades pola UEM-CEES de Madrid. No 2003 fundou Epojé Films xunto a Noé Rodríguez, unha produtora coa que fixo guións e dirixiu documentais para Televisión Española ou History Channel. En 2006 marcha a Canadá cunha bolsa de postgrao para realizar o Master Fine Arts in Film na Universidade de York (Toronto), onde afonda na teoría da vangarda documental. No ano 2016 creou e dirixiu xunto a Beli Martínez o proxecto Cinema e Muller. Xisela Franco dirixiu e guionizou máis de vinte documentais e pezas de cine. A súa obra, na intersección entre o cinema e a arte contemporánea ten recibido premios e percorrido galerías e festivais internacionais. Na actualidade, imparte aulas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo). Ademais, afronta a dirección artística de MOCA, o primeiro museo online de cine autobiográfico.

Iván Cuevas. Licenciado en Xornalismo e Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi un dos membros fundadores no 2001 do Cineclube de Compostela, onde continúa a participar como programador. Ten exercido a crítica cinematográfica en Ariel. Boletín de cinema en galego, Novas da Galiza, Les Noticies ou Campo de los Patos, ademais de colaborar noutras publicacións como xornalista, lingüista, tradutor ou poeta.

Xurado AGANTRO

O premio AGANTRO, outorgado pola Asociación Galega de Antropoloxía, está dotado con 500 euros e trofeo.

Bibiana Martínez Álvarez. Doutora e licenciada en Antropoloxía Social pola Universidade de Barcelona (UB). Conta cun curso anual de cine social na escola de cine El Observatorio de Barcelona e cun curso monográfico de cine etnográfico impartido por Roger Canals (UB). Forma parte dos grupos de investigación GER (Grup d’Estudis sobre Reciprocitat da UB) e GET (Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña). A súa liña de investigación céntrase na antropoloxía económica -dende unha perspectiva centrada na economía política- no contexto rural en Galicia, en concreto nas problemáticas ás que se enfrontan as granxas familiares. Esta investigación, deulle a oportunidade de realizar distintas publicacións, así como a participar en diversas estancias académicas e congresos estatais e internacionais. Coordina xunto con Paula Ballesteros-Arias, Joan Roura e Carlos Diz a sección de cine etnográfico no 14th International SIEF Congress celebrado en Santiago de Compostela.

Carlos Diz. É doutor en antropoloxía pola Universidade da Coruña. Membro da Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO) e do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais da UDC (ESOMI). Forma parte tamén do Grup de Recerca en Exclusió i Control Socials (GRECS) da Universidad de Barcelona. É profesor na Facultade de Socioloxía da Universidade Coruña, onde organiza o ciclo de cine Sociocinema. 

Joan Roura. Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural (2010) e Máster en Antropoloxía e Etnografía pola Universidade de Barcelona (2013). Traballou temáticas indixenistas e migratorias no Estado Plurinacional de Bolivia, así como sobre antropoloxía urbana e patrimonio cultural en Catalunya. Actualmente é Investigador Colaborador no Incipit (Instituto de Ciencias del Patrimonio) de Santiago de Compostela, realizando a súa tese doutoramento sobre movementos sociais, procesos participativos e demandas patrimoniais. Ten dous libros publicados e unha ducia de artigos en revistas nacionais e internacionais. É membro da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural (AGANTRO).