AS PEQUENAS COUSAS. De como os obxectos gardaron unha memoria perseguida.
Exposición programada no marco da 15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego.Do 29 de febreiro ao 19 de abril de 2020 [ampliada ata o 20 de setembro].
Visita con Jorge Moreno Andrés, director do proxecto, o sábado 29 de agosto ás 11h00. Aforo controlado, entradas dispoñibles nesta páxina desde o 17 de agosto.
A mostra ‘As pequenas cousas’, unha idea da iniciativa Mapas de Memoria, recolle obxectos, documentos, cartas e fotografías de persoas perseguidas e represaliadas polo franquismo, nas que a memoria se puido materializar, e que sobreviviron nas marxes da sociedade.
Unha das finalidades desta exposición, que se poderá ver por primeira vez en Galicia no marco da 15ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, é ir aumentando as súas achegas en cada un dos lugares onde recale, partindo dun núcleo orixinal de doce paneis. O Museo do Pobo Galego achegará a esta iniciativa varios obxectos procedentes das familias de presos e fusilados galegos, para o que conta coa colaboración de particulares e entidades como O Faiado da Memoria e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Deste xeito contribúe a continuar o comisariado orixinal a cargo de Mariano Comino, Alfonso Villalta Luna, Gonzalo Ballesteros Martín e Jorge Moreno Andrés, antropólogo visual que fará parte do xurado nesta edición da MICE.
O proxecto Mapas de Memoria, impulsado polo Centro de Estudios de Memoria y Derechos Humanos da UNED en colaboración coa Deputación de Ciudad Real, é un espazo de investigación, creación e intervención social que busca xerar coñecemento sobre o noso pasado recente. Facendo uso da metodoloxía etnográfica e historiográfica, e dende a antropoloxía visual, realiza un traballo que busca poñer en diálogo aos familiares con investigadores e arquivos. Faino co obxectivo de explicar as formas culturais na transmisión da memoria; para comprender a violencia e o trauma, e para dignificar ás persoas que foron desaparecidas ou silenciadas. O emprego da etnografía xera e aumenta o coñecemento teórico entre as partes implicadas pero tamén axuda a responder a un interese social que estivo oculto e esquecido.
Antes da inauguración terá lugar a presentación do libro de Jorge Moreno Andrés,El duelo revelado: la vida social de las fotografías familiares de las víctimas del franquismo, e o encontro do autorcon familiares que doaron obxectos a través da ARMH e de O Faiado da Memoria. Este libro, editado polo CSIC, realiza un percorrido pola transmisión da memoria da Guerra Civil e o franquismo a través das fotografías gardadas e conservadas, poñendo en valor estes documentos antropolóxicos que permitiron a moitas familias de persoas asasinadas, desaparecidas, encarceradas ou exiliadas seguir mantendo a súa memoria viva fronte ao empeño do réxime franquista por silencialos.
A exposición ‘As pequenas cousas’ está comisariada por Mariano Comino, Jorge Moreno Andrés, Alfonso Villalta Luna e Gonzalo Ballesteros Martín.
A coordinación técnica no Museo do Pobo Galego corre a cargo de Ana Estévez Lavandeira e David Conde Lourido.
Máis información na nova: A exposición ‘As pequenas cousas’ chega ao Museo do Pobo Galego.