A LETOA LAILA PAKALNINA ACHEGA A SÚA MIRADA HUMORÍSTICA Á SECCIÓN IMPROPIAS DA 20 MICE

Santiago, a 13 de marzo de 2025.- Nunha vixésima edición da MICE na que o humor xoga un papel destacado, a sección Impropias da 20 MICE ten como convidada á cineasta letoa Laila Pakalnina, unha das principais referentes da cinematografía do seu país e das Repúblicas Bálticas.

O seu cine, afastado da solemnidade, repasa o absurdo de certas situacións, ás veces cun humor explícito e outras máis sútil. Na primeira das sesións, hoxe a partir das 18:00 horas en NUMAX, proxectaranse os seus filmes Pa Rubika ceļu e Sniegs. O ciclo dedicado a Pakalnina continuará o venres, co visionado dos seus filmes Īsfilma par dzīvi, Skurstenis, seguido dunha conversa entre a cineasta letoa e o director galego Eloy Domínguez Serén. A terceira e última sesión será o sábado, coa proxección das obras Čau, Rasma! e Rumba

Fotograma do filme Skurstenis, de Laila Pakalnina

A combinación da mirada etnográfica co humor será tamén o eixo da segunda sesión de Trazas, realizada en colaboración co Cineclube de Compostela, que proxectará o filme Un dessert pour Constance, da directora francesa Sarah Maldoror, unha comedia costumbrista sobre a vida dun grupo de inmigrantes africanos en París.

SALVAXE, SALVAXE fai parada na MICE antes da estrea en salas comerciais

O filme galego, gañador da Biznaga de Prata ao Mellor Documental na 27ª edición do Festival de Málaga, SALVAXE, SALVAXE, preestréase na sección Lindes da MICE antes da súa chegada ás salas comerciais.

Neste tempo de crise climática e ecolóxica, a primeira longametraxe do guionista e director Emilio Fonseca adéntrase nos montes de Galicia e do norte de Portugal, onde rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico, buscando resignificar as imaxes de natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Trátase un ensaio fílmico que é “un anti-documental de natureza, no que aparecen lobos que devolven a mirada a cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear”.

O filme proxectarase esta trade ás 20:30 horas no Teatro Principal. Ademais, o programa inclúe unha conversa co director, na mañá do sábado 15, co título Olladas alén do humano, para compartir coas persoas asistentes as súas prácticas de aproximación e rexistro do salvaxe como formas de encontro, intercambio e acollida. 

Tamén no marco da programación para profesionais desta vixésima edición, ás 16:30 horas, no Museo do Pobo Galego terá lugar a conversa co creador e historiador do cinema galego Pepe Coira para afondar no modelo de documental etnográfico que representa O carro e o home, cuxa copia dixitalizada protagonizou a sesión inaugural da MICE. 

Proxeccións da sección oficial e programación escolar

No Auditorio do Museo continúan as proxeccións dos filmes incluídos na sección Internacional. Así, a partir das 18:30 h poderemos ver a estrea en España de Kongo, no que a cineasta Daiana Araujo indaga sobre o que é o ser cubano; a estrea en Galicia de Cuerpos en tránsito, de Mario Moreno Iglesias, sobre procesos de expresión e reconstrución das masculinidades proxectadas en torno aos rituais festivos ibéricos; e Silence of Reason, de Kumjana Novakova, que narra a través de arquivos e testemuños a tortura e violacións sufridas polas mulleres durante a guerra en Bosnia e Herzegovina. 

Fotograma de Silence of Reason, de Kumjana Novakova

Tamén no Museo, en horario de mañá, continúan as proxeccións para escolares da MICE Petís.

Ademais, até este domingo, 16 de marzo, está dispoñible a MICE en liña, para visionado online dos filmes premiados na anterior edición da Mostra: Taxibol, de Tommaso Santambrogio, Mellor Filme na 19 MICE; Flotacija, de Eluned Zoe Aiano, Alesandra Tatić, Mención especial; e Habitar, de Anxos Fazáns, Mellor Filme Galego na 19 MICE.

Sedes do festival e información práctica

O Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX abeiran as proxeccións e actividades desta edición, con entrada gratuíta. Todas as sesións contan con subtitulado, específico para persoas xordas no caso dos filmes galegos.