A MICE ARRINCA HOXE A SÚA VIXÉSIMA EDICIÓN CUNHA HOMENAXE Á CINEMATOGRAFÍA FUNDACIONAL GALEGA

Santiago, a 12 de marzo de 2025.- A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo Galego inaugura hoxe, mércores, 12 de marzo, a súa vixésima edición co foco posto nun dos filmes fundacionais da cinematografía galega, O carro e o home. Un documental que forma parte do legado que o etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo, Xocas, deixou ao Museo do que foi fundador e primeiro presidente do seu Padroado, e que serviu de inspiración para o nacemento da MICE, hai agora dúas décadas. A cinta orixinal foi realizada en 1940 con guión de Xocas e Antonio Román. En 1980, o etnógrafo xunto co cineasta Eloy Lozano e co patrocinio do Museo do Pobo Galego, fixo unha nova montaxe cunha sonorización menos folclorizada e con texto e locución do propio Xocas. Esta segunda versión, recén dixitalizada coa colaboración de AGADIC e a Filmoteca de Galicia, protagonizará a sesión de apertura da MICE, a partir das 20:30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela, nun acto no que lembraremos tamén a aquelas persoas que iniciaron a cinematografía galega e que viron no cinema un xeito de comprometerse coa cultura do país. A proxección contará coa participación do guionista e creador Pepe Coira, quen é tamén un experto na historia do noso cinema e autor do libro No verán de 1940. Crónica da película “O carro e o home”. Ademais, xa no marco da programación para profesionais, este xoves, Coira conversará coas persoas asistentes para afondar nas particularidades e da significación do filme.

Togoland Projections inaugura a sección oficial

O Auditorio do Museo do Pobo Galego acollerá ás 18:30 horas, a proxección do primeiro dos trece filmes que optan este ano ao Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, Togoland Projections, de Jürgen Ellinghaus. Unha película que nos traslada ao territorio da antiga colonia alemá de Togo. Seguindo a expedición cinematográfica do director Hans Schomburgk, que entre 1913 e 1914 rodou alá películas documentais e de aventuras, amosa eses filmes ao público togolés de hoxe para interrogarse sobre o seu contexto histórico e os efectos do colonialismo.

Cartel de Togoland Projections

Trazas: etnografía e humor 

A reflexión en torno á ollada etnográfica e o humor é outro dos focos desta 20 MICE, e fía os contidos da sección Trazas, desenvolvida en colaboración co Cineclube de Compostela. Na primeira das sesións, este mércores no Teatro Principal a partir das 21:30 horas, proxectaranse os filmes Le retour d’un aventurier, do director nixeriano Moustapha Alassane; Under the Men’s Tree, da parella de cineastas estadounidenses David e Judith MacDougall; e BUBONG! (Roofs of the World! UNITE!), do filipino Kidlat Tahimik. 

MICE Petís: proxeccións de cinema etnográfico para escolares

Hoxe dará comezo tamén a programación da MICE Petís, a sección didáctica da Mostra destinada ao público escolar. Serán tres xornadas de proxeccións que terán lugar no Museo do Pobo Galego, cunha selección de filmes realizada polo docente e programador experto en cinema curto Severiano Casalderrey. O alumnado do segundo ciclo da ESO e bacharelato terá a ocasión de ver a peza Dores, do colectivo Memoria e Cinema, e falar coa súa directora, Coral Piñeiro.  

Sedes do festival e información práctica

O Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX abeiran as proxeccións e actividades desta edición, con entrada gratuíta. Todas as sesións contarán con subtitulado, que é específico para persoas xordas no caso dos filmes galegos.

Resumo da programación da 20 MICE para este mércores, 12 de marzo: