A MICE ULTIMA O SEU 20 ANIVERSARIO

Santiago, a 3 de febreiro de 2025.- Do 12 ao 16 de marzo, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo celebra a súa vixésima edición en Santiago de Compostela. Será a celebración de dúas décadas de compromiso co cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual dun festival innovador nas súas orixes e que aínda hoxe é único no seu xénero en Galicia e un dos poucos a nivel estatal.

Unha longa traxectoria avalada por case 800 cineastas e profesionais do cinema e as 20.000 persoas que levan participado da Mostra durante estes vinte anos. Neste tempo, a MICE serviu de plataforma para novas e novos creadores, acompañándoos na consolidación da súa traxectoria profesional ao longo das sucesivas edicións: cineastas recoñecidos como Eloy Domínguez Serén, Diana Toucedo, Ana Domínguez, Eloy Enciso, Vicente Vázquez, Xurxo Chirro, Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias, Diana Gonçalves, Bruno Arias, Santiago Teijelo ou Coral e Laura Piñeiro, entre moitos outros, pasaron polo festival cos seus primeiros proxectos. Esa aposta da MICE polos novos talentos reflíctese tamén na autoría das pezas promocionais de cada edición. Xisela Franco, Iria Silvosa e Sara Iglesias, Sabela Pernas, Sol Mussa ou Sabela Souto son só algúns dos nomes que integran o arquivo da MICE de novas cineastas. 

Etnografía e cinema con perspectiva de xénero 

Nun contexto como o das ciencias sociais, onde o discurso dominante segue a ser androcéntrico, e no mundo da cinematografía, no que a presenza feminina conta aínda con desigualdades, o rumbo da MICE diríxeo desde a edición inaugural en 2006 unha muller, Ana Estévez Lavandeira, responsable ademais do DEAC do Museo do Pobo Galego. 

Ese compromiso coa igualdade de xénero ten o seu reflexo tamén nunha programación oficial a concurso coa metade dos filmes asinados por mulleres, moitas das cales son galegas e españolas. Ademais, o cinema realizado ou producido por cineastas femininas ten un espazo específico na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, na sección Impropias. A crítica de cine, xornalista cultural e programadora búlgara Mariana Hristova, a cineasta chilena Carolina Astudillo, a antropóloga e realizadora Catarina Alves, a realizadora española Mercedes Álvarez ou a directora da premiada Destello Bravío, Ainhoa Rodríguez, son algunhas das convidadas pola MICE a coordinar esta sección.

A MICE, que comezou a súa andaina con retrospectivas de Jean Rouch, Val del Omar ou Llorenç Soler, e clásicos do cinema como Cecilia Mangini –protagonista da última edición–, é tamén un festival que destaca polo descubrimento de filmografías pouco coñecidas, moitas veces non estreadas nas salas de cinema galegas. Desde a sección Trazas ten achegado ao público referentes do cinema etnográfico como Lionel Rogosin, Raoul Ruiz, Marilu Maillet, Vera Chytilová, Chris Marker, Eduardo Coutinho ou Margarida Cordeiro e António Reis. 

Este interese por expandir e visibilizar un cinema que explora historias humanas, que conecta ás persoas coas súas raíces culturais e coas doutros pobos e que á vez serve como ferramenta para axudar a preservar tradicións, vese reforzado cada ano coa presenza de cineastas e investigadores como Ferrán Llagostera, Alejandro Alvarado, Adriana Vila Guevara, Jorge Moreno Andrés, Tania Dinís ou os membros do LAAV, que teñen acudido á cita en Santiago de Compostela para presentar as súas películas ou dialogar co público da MICE sobre o valor do cinema etnográfico.

Alejandro Alvarado na 19 MICE
Alejandro Alvarado

A MICE ten un interese especial tamén no cinema afeccionado e no cinema doméstico de Galicia. Nestas dúas décadas, a Mostra ten presentado materiais audiovisuais de distintos arquivos privados, como por exemplo o do enxeñeiro vigués Manoel Da Costa, e proxectado os traballos de colectivos dos 60 e 70 como o grupo Lupa.

Un espazo para a educación e a reflexión a través do cinema

Ademais, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico mantén invariable o seu compromiso coa educación e a acción cultural, dous dos piares da MICE que o son tamén da institución que lle dá soporte, o Museo do Pobo Galego. A través de iniciativas como a MICE Petís, o festival convértese na primeira oportunidade para moitas nenas e nenos, mozas e mozos, de achegarse á antropoloxía a través da linguaxe do cinema, con proxeccións de curtas presencialmente no Museo ou en liña.

Tamén, este ano, na que será a terceira edición da MICE Escola, o alumnado da ESO e bacharelato do IES de Oroso (Oroso), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame) realizarán as súas propias pezas curtas audiovisuais de contido etnográfico, co asesoramento da área educativa da MICE. Unha faceta didáctica da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que ao longo destas vinte edicións abrangueu tamén sesións formativas para profesionais, exposicións de arte e fotográficas, xornadas de debate e coloquio, actividades en colaboración co ámbito educativo e sociocultural, así como outra programación paralela que, en ocasións, se estende máis alá das datas específicas do festival. 

Co Museo do Pobo Galego, xunto co Teatro Principal e NUMAX como sedes da programación, e con entrada gratuíta en todas as sesións, este 2025 a MICE volverá ser unha cita ineludible para profesionais e afeccionados ao cinema e á etnografía, e tamén para todas aquelas persoas que queiran comprender mellor e descubrir novas miradas sobre a realidade social e cultural que compartimos. 

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, a área de Cultura da Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.