24 de marzo de 2024.- Taxibol, de Tommaso Santambrogio fíxose co Premio MICE ao Mellor Filme da 19ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego. Un galardón que o cineasta italiano agradeceu a través dun vídeo no que expresou o orgullo de facerse cun premio “nun festival de cinema etnográfico que se enfoca tanto sobre a postura antropolóxica no cinema”. O xurado destacou da película que é unha “proposta impactante e esteticamente portentosa, que explora os límites entre a ficción e a non ficción” e que establece unha contraposición “entre un diálogo íntimo, que transcende as barreiras lingüísticas e culturais, e o retrato sutil de relacións cotiás nas que persisten a violencia, o pasado colonial e dinámicas de poder”. Entregou o premio, dotado con 1000 euros e trofeo, Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, nunha gala celebrada este mediodía no Auditorio do Museo do Pobo Galego, conducido pola actriz e creadora Carlota Mosquera. Un acto, no que participaron representantes institucionais, organización e profesionais do ámbito cultural, no que tomou a palabra a directora da MICE, Ana Estévez, para agradecer a participación e o traballo de todo o equipo e cineastas que participaron nesta 19ª edición.
O xurado, formado por Catherine Barbour, xefa do Departamento de Estudos Hispánicos de Trinity College Dublin (Irlanda); Adriana Páramo, cineasta e fundadora do Galician Film Forum en Londres; e Eloy Domínguez Serén, cineasta e profesor; outorgou tamén unha Mención Especial a Flotacija, de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatić. Un filme que, en palabras do xurado, “nos fai convivir de maneira próxima, empática e respectuosa cunha familia mineira en loita” e que conxuga no mesmo retrato “as complexidades dunha comunidade serbia minoritaria, a masculinidade e as relacións interxeracionais”.
O Premio MICE ao Mellor Filme Galego foi para Habitar, unha curta de Anxos Fazáns que o xurado describiu como “creativa e luminosa” que “a través dunha narrativa non convencional, ofrece unha perspectiva lúcida e contribúe á visibilidade das experiencias de persoas transxénero e non binarias”. Entregou o premio, dotado con 800 euros e trofeo, Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela. A cineasta agradeceu o premio e apuntou o seu desexo dun “audiovisual galego libre e diverso e por seguir construíndo eses espazos abertos de oportunidades para todas as persoas”.
O Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica recaeu en El signo vacío, de Kathryn Ramey. O xurado da Asociación Galega de Antropoloxía destacou o “excelente traballo de composición e edición” co que a directora “crea un verdadeiro manual de estilo para o traballo de campo na descrición etnográfica”. O Premio CREA, que entregou Adriana Páramo en representación da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para o filme A Revolución (é) Probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas. O xurado valorou da película que “a través dun labor de montaxe virtuoso e dun material de arquivo extraordinario” reflexiona acerca da memoria audiovisual dunha revolución moi cercana, da que se celebra este ano o cincuenta aniversario ante o ascenso da extrema dereita no parlamento portugués.
O Premio CREA, entregado por Adriana Páramo, en representación da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para o filme A Revolución (é) Probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas. O xurado valorou da película que “a través dun labor de montaxe virtuoso e dun material de arquivo extraordinario” reflexiona acerca da memoria audiovisual dunha revolución moi cercana, da que se celebra este ano o cincuenta aniversario ante o ascenso da extrema dereita no parlamento portugués.
O Premio do Público, que entregou a deputada de Cultura da Coruña Natividade González, foi para 12 de maio de 1937, de Mar Caldas, un filme sobre o fusilamento, durante a guerra civil española, do avó da cineasta, José Caldas, sindicalista e concelleiro socialista.
Continúa a programación na 19 MICE
A programación paralela desta décimo novena edición da MICE continúa mañá, luns, coa formación “Creación audiovisual con dispositivos táctiles”, impartido por Coral Piñeiro e Bruno Arias, cineastas e responsables de MICEscola. A actividade formativa, que se desenvolverá de 17:30 a 20:30 horas, está destinada a todas aquelas persoas que teñan interese en empregar o proceso creativo do audiovisual na educación formal e informal.
Xa o martes, en vésperas dos festivos de Semana Santa, o protagonista será o público máis novo, as e os pequenos da casa. No marco da MICE Petís, desenvólvese este programa de proxeccións en familia, coa colaboración do programador Severiano Casalderrey. A proposta inclúe dúas escolmas de curtametraxes de interese etnográfico, unha primeira de 3 a 6 anos e outra de 7 a 10 anos. Ambas as dúas pasaranse de maneira paralela, no Auditorio e na Ala Sur do Museo do Pobo Galego, de xeito que os nenos e nenas dunha mesma familia con idades diferentes poderán acudir cada un e cada unha á proxección máis adecuada.