24 de marzo de 2024.- Un total de 13 películas, catro delas galegas, optan este domingo ao Premio MICE ao Mellor Filme. A entrega de galardóns terá lugar ás 12:30 horas no Auditorio do Museo do Pobo Galego, presentada pola actriz e creadora Carlota Mosquera.
O xurado desta décimo novena edición está formado por Catherine Barbour, xefa do Departamento de Estudos Hispánicos de Trinity College Dublin (Irlanda); Adriana Páramo, cineasta e fundadora do Galician Film Forum en Londres; e Eloy Domínguez Serén, cineasta e profesor. Outorgarán tamén o Premio MICE ao Mellor Filme Galego. Ademais, todos os títulos da sección competitiva optarán ao Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, que valorará o xurado composto por Iria Vázquez Silva, Víctor Villar Caamaño e Iñigo Sánchez-Fuarros, integrantes da Asociación Galega de Antropoloxía. O listado de galardóns completarase co Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección; e o Premio do Público.
Fóra da sección competitiva, este domingo, ás 11 horas, no Museo celébrase a segunda sesión de Lindes, con Iván Castiñeiras. O cineasta compartirá coas persoas asistentes o seu proceso creativo, partindo do seu work in progress Deuses de pedra e doutros proxectos anteriores como son a instalación interactiva audiovisual Chemin battus e as curtametraxes Ou est la jungle, Trajectory Drift e A Raia, filmes que abordan cuestións xeopolíticas, de fronteiras e territorialidade, en liña coa temática desta 19ª MICE, que analiza a ollada etnográfica sobre o político.
Xa pola tarde será a vez da derradeira sesión de Impropias, co Foco Cecilia Mangini por Carolina Astudillo. A partir das 18 horas, en NUMAX, proxectaranse Un paseo por New York Harbour, da directora chilena; e Due scatole dimenticate. Un viaggio in Vietnam, de Cecilia Mangini e Paolo Pisanelli.