23 de marzo de 2024.- Diana Gonçalves trae este sábado á MICE o seu work in progress Transfronteiriza, unha instalación que parte da documentación recabada para creacións e proxectos audiovisuais anteriores, e que conta co apoio da MICE Museo do Pobo Galego e da Cámara Municipal de Melgaço (Portugal) así como coa colaboración doutras entidades e administracións de ambos países. Será ás 17 horas no Auditorio do Museo, no marco da sección Lindes, que nesta décimo novena edición da MICE adquire un carácter formativo. O domingo será Iván Castiñeiras quen presente o seu proxecto en curso Deuses de pedra e, ao igual que Gonçalves, comparta coas persoas asistentes os seus procesos creativos.
Tamén o sábado, dende as 18 horas en NUMAX, terá lugar a segunda sesión de Impropias, co Foco Cecilia Mangini conducido por Carolina Astudillo. Proxectaranse os filmes Ignoti alla città, La canta delle marane e Felice Natale, da pioneira do documental italiano. Ademais, a MICE acollerá a estrea do filme de Carolina Astudillo Postal, un percorrido por algunhas das obras da cineasta chilena que exploran a relación entre o testemuño, os espazos e o tempo.
As proxeccións dos filmes que compiten na sección oficial comezarán o sábado ás 17:30 horas na Ala Sur do Museo do Pobo Galego, con Vida e morte en Xikún, de Jiandong Huang. Xa a partir das 20 horas, o Teatro Principal acolle as proxeccións de dous dos filmes que compiten na sección Galicia: a estrea galega da curtametraxe 12 de maio de 1937, de Mar Caldas; e Lavadoiro, de Ana Amado e Lois Patiño, que contará con subtitulado específico para persoas xordas. A continuación, ás 22 horas, será a vez de El signo vacío, un filme de Kathryn Ramey que se proxectará por primeira vez en Galicia na 19 MICE.