22 de marzo de 2024.- O cinema etnográfico realizado ou dirixido por mulleres volve ser o protagonista da sección Impropias da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego. Nesta 19ª edición, coa primeira retrospectiva que se lle dedica en Galicia á pioneira do cinema documental italiano, Cecilia Mangini. Estará conducida por Carolina Astudillo, quen porá en relación a obra de Mangini coa súa propia filmografía, nun total de tres sesións que suporán tamén a estrea mundial do último filme de Astudillo, Postal. En concreto, na sesión deste venres, 22 de marzo, poderán verse a partir das 18 horas en NUMAX Esa fugaz esencia que dejaron los sucesos, de Carolina Astudillo; e Essere donne, Stendalí (Suonano ancora) e Maria e i giorni, de Cecilia Mangini.
Na terceira xornada da MICE, o Salón Teatro acollerá a última sesión de Trazas. A partir das 20 horas proxectaranse o censurado filme Rocío (con subtitulado para persoas xordas), de Fernando Ruiz Vergara, que afonda nas bases económicas, de clase e de poder que subxacen na devoción rocieira; e a curtametraxe Andalucía 28 F, de Nonio Parejo, sobre a celebración do Referendo pola Autonomía que votou o pobo andaluz o 28 de febreiro de 1980. A sesión incluirá un coloquio con Alejandro Alvarado, cineasta, investigador e autor do libro La postcensura en el cine documental de la transición española.
Este venres continúan tamén as proxeccións da sección Internacional a concurso. Na Ala Sur do Museo, ás 17:30 horas será a premiere do filme With Love, Stela, de Stela Roxana Pascal; e ás 19:30 a estrea en España de Guardians of the Flame, de Daniel Wolff. Ademais, Sew to Say, de Rakel Aguirre, terá a súa estrea en Galicia ás 19 horas no Auditorio do Museo do Pobo Galego.