CINEMA GALEGO E TRANSICIÓN, UNHA XORNADA CON MESAS DE DEBATE E PROXECCIÓNS NA MICE 

21 de marzo de 2024. O xoves 21 comeza na MICE coa celebración da xornada Cinema galego e Transición, no marco da sección Trazas. Organizada polo festival e a sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, constará de tres mesas de debate que darán comezo ás 11:00 horas na Ala Sur do Museo do Pobo Galego. A primeira delas afondará no Cinema afeccionado e militante da Transición, da man de Xosé Xoán Cabanas Cao, Antón Caeiro e Xan Gómez Viñas, moderada por Ana Domínguez. A segunda, ás 12:30 horas, que leva por título Do afeccionado ao profesional, contará coa participación de Manuel Abad, Manolo González e Milagros Bará, moderada por Marcos Gallego. Xa pola tarde, ás 16:30 horas, Eloy Enciso, José Manuel Sande e Coral Piñeiro, moderadas por Beli Martínez, debatirán sobre a Representación da Transición no cinema contemporáneo. A xornada de debate combínase ademais con tres sesións de proxeccións, coa colaboración do Cineclube de Compostela. En concreto, o xoves pasaranse a partir das 18:00 horas na NUMAX os filmes A lei da terra, do Colectivo Grupo Zero, sobre o proceso de reforma agraria no Alentejo; e unha escolma de curtametraxes de Manoel da Costa que tratan temas políticos mediante a filmación de conflitos sociais e populares durante a Transición.

Ademais, nesta segunda xornada da MICE continúan as proxeccións da sección oficial. Así, no capítulo Internacional veremos as estreas en España de Flotacija, de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatić, ás 17:00 horas no Auditorio do Museo do Pobo Galego; e as estreas en Galicia de Taxibol, de Tommaso Santambrogio, ás 19:30 horas na Ala Sur do Museo; e Onde fica esta rua?, de João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata, ás 22 horas no Salón Teatro. Nese mesmo espazo, proxectaranse tamén os filmes que compiten na sección Galicia A revolución (é) probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas; e Habitar, de Anxos Fazáns. Será ás 20 horas, nunha sesión que contará con subtitulado específico para persoas xordas. 

Entre as actividades paralelas da 19 MICE, este xoves proxectarase o filme Os espazos en branco, unha película que supón un achegamento á figura de Xela Arias e o debut cinematográfico do seu sobriño, Bruno Arias. Será ás 18:00 horas no Salón Teatro.