20 de marzo de 2024. A 19ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego dá comezo este mércores cun evento único no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Impulsado pola MICE e producido polo Museo do Pobo Galego, 586 cantos é un espectáculo audiovisual sobre o Cancioneiro Popular Galego, obra fundamental sobre a tradición oral galega, froito do traballo de investigación de Dorothé Schubarth coa colaboración de Antón Santamarina.
As gravacións sonoras orixinais, as fotografías, as transcricións de textos e as partituras, depositadas no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego por expreso desexo de Schubarth, son o punto de partida deste evento no que dialogarán música e imaxe. Así, a posta en escena no Teatro Principal contará coa interpretación musical de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras, sincronizada en directo coa montaxe visual que realizaron para a MICE Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, integrantes da Asociación Memoria e Cinema.
A continuación da sesión inaugural, ás 22 horas, o Teatro Principal acollerá a primeira das sesións de Trazas, unha das seccións paralelas da MICE, centrada nesta 19ª edición no Cinema galego e Transición, e organizada co Cineclube de Compostela coa colaboración da sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega. Proxectarase primeiro a curtametraxe Conxo, unha experiencia, de Manuel Abad, unha reflexión arredor da creación artística, a enfermidade mental e a sociedade, á vez que unha denuncia das pésimas condicións nas que vivían os internos do psiquiátrico compostelán de Conxo. Seguidamente, as persoas asistentes poderán ver a longametraxe CCCV, de Ramiro Ledo Cordeiro, unha panorámica das loitas sociais e políticas na Galicia da Transición, a través da selección e montaxe do material gravado polo camarógrafo Carlos Varela do movemento nacional-popular galego.
Previamente, ás 17:30 horas, na Ala Sur do Museo do Pobo Galego proxectarase o primeiro dos nove filmes incluídos na sección Internacional desta 19ª MICE. Riada, de Carlos Tobón, é unha investigación etnográfica sobre as consecuencias dunha alteración paisaxística como é a construción da presa de Hidroituango sobre o río Cauca. A película colombiana é unha das trece pezas que este ano competirán polo Premio MICE ao Mellor Filme.