6 de marzo de 2023.- A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego volve, un ano máis, visibilizar o traballo das realizadoras e directoras que abordan este tipo de cine especializado. Na MICE, que do 20 ao 26 de marzo inaugurará en Compostela a temporada anual de festivais galegos de cinema, poderán verse preto de 70 pezas (das cales 12 son estreas) procedentes de máis dunha ducia de nacionalidades. Serán 13 os filmes que compitan na sección oficial, dos que 8 están dirixidos por mulleres.
A presentación oficial da programación desta décimo novena edición tivo lugar esta mañá, coa presenza da directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a autora da imaxe e da peza de autor da 19 MICE, Sabela Souto; a concelleira responsable de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao Fernández; o deputado provincial da Coruña Xosé Luis Penas Corral; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil.
A presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego agradeceu “a colaboración das institucións que a fan posible co seu soporte financeiro”. Pola súa banda, o representante da Xunta, quen puxo en valor o gran momento que está a vivir o audiovisual galego, tamén no ámbito dos festivais, destacou a “profesionalidade, a calidade dos contidos e a especialización nun cinema etnográfico, que fai que este sexa un festival único en Galicia e que outros certames o teñan imitado no conxunto de España”. Na mesma liña se manifestou o deputado provincial da Coruña, Xosé Luis Penas Corral, quen subliñou que festivais como a MICE son cruciais á hora de “poñer en valor o que somos e o que significan a nosa cultura a nosa historia” porque diso trata este cinema especializado que relata “historias comúns que trascenden o noso territorio”.
A concelleira da Capital Cultural expresou o “orgullo de que Compostela sexa a cidade anfitrioa da MICE”, un festival que “reserva espazos para a reflexión e para o diálogo, sempre coa etnografía como eixo”. Míriam Louzao Fernández puxo en valor tamén a temática escollida para esta edición. “Nun momento de constante ruído mediático, é moi de agradecer contar con estes espazos que permitan unha perspectiva critica co poder que xoga o político, porque é importante saber de onde vimos para situarmonos no presente e poñer en valor a boa política”, apuntou a concelleira.
Peza de autora
Coa ollada do cinema etnográfico sobre o político artellando toda a programación, a peza que acompaña esta 19 MICE e a imaxe gráfica derivada dela teñen autoría feminina. A cineasta Sabela Souto é a artífice dun audiovisual que parte dun traballo previo sobre a primeira cooperativa dedicada ao textil na comarca de Verín, asentada na aldea da Pousa (Monterrei) e no que políticas laborais, feminismo e tradición conflúen na memoria industrial sobre as mulleres. “A peza procura reflictir a importancia dunha industria textil que permitiu, en moitas familias, que as mulleres fosen un pilar fundamental tanto nos coidados como aportando capital á economía familiar”, detallou.
586 cantos, unha homenaxe a Dorothé Schubarth
Outra muller será tamén a protagonista da sesión inaugural da MICE. O mércores, 20 de marzo, ás 20 horas, o Teatro Principal acollerá a estrea de 586 cantos. O proxecto, impulsado polo Festival, será unha homenaxe ao legado da etnomusicóloga suíza falecida en 2023 Dorothé Schubarth, e o seu labor de antropoloxía audiovisual, razón de ser da MICE. O punto de partida é o valiosísimo material de arquivo depositado no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, coas gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras procedentes do traballo de campo levado a cabo en Galicia entre os anos 1979 e 1984 por Schubarth, coa colaboración de Antón Santamarina, e que foron a base do Cancioneiro Popular Galego. No musical, a posta en escena no Teatro Principal contará co traballo de Richi Casás, quen edificou a súa traxectoria artística nas gravacións que Dorothé Schubarth recolleu na casa da súa avoa Rosa. Sobre esa herdanza, o saxofonista elaborou unha novidosa proposta na que conflúen as pandeiretas, o jazz e os ritmos latinos. El, xunto a Fran Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras, serán os responsables dunha actuación musical que se sincronizará en directo coa montaxe visual que realizarán para a MICE Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas novísimos que forman parte da Asociación Memoria e Cinema.
Retrospectiva sobre a pioneira do cinema documental italiano
O foco sobre Cecilia Mangini por Carolina Astudillo será un dos puntos álxidos dun festival que converte a capital galega no escenario dun dos pouquísimos eventos de carácter internacional especializado nun cinema que fala do que somos colectivamente, da cultura e da sociedade humanas. A cineasta chilena porá en relación a obra da considerada como a “Agnès Varda italiana” coa súa propia filmografía, nun total de tres sesións que suporán tamén a estrea mundial do último filme de Astudillo, Postal.
Seccións oficiais: Internacional e Galicia
Trece traballos optarán ao Premio MICE ao Mellor Filme no capítulo Internacional, nove deles de diversas nacionalidades e catro realizados en Galicia que compiten tamén polo Premio MICE ao Mellor Filme Galego. Así, veremos a premier de With Love, Stela, de Stela Roxana Pascal; as estreas en España de Flotacija, de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatić; Riada, de Carlos Tobón; 西昆 (Vida e morte en Xikún), de Jiandong Huang; e The Guardians of the Flame, de Daniel Wolff. Tamén, as estreas en Galicia de TaxiBol, de Flavio Armone; Onde fica esta rua?, de João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Matao; El Signo Vacío, de Kathryn Ramey; Sew To Say, de Rakel Aguirre; e 12 de maio de 1937, de Mar Caldas. Completan a sección oficial os filmes La Revolución (es) Probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas; Habitar, de Anxos Fazáns; e Lavadoiro, de Ana Amado e Lois Patiño. Todos os filmes optarán tamén ao Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, ao Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección; e ao Premio do Público. A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar o domingo, 24 de marzo, ás 12:30 horas no Museo do Pobo Galego.
A Transición democrática e o cinema galego
A sección Trazas, desenvolvida en colaboración co Cineclube de Compostela e a sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, fixa a mirada na Transición democrática e o cinema galego, continuando coa liña temática desta 19 MICE. Coordinadas pola produtora Beli Martínez e o historiador de cinema José Manuel Sande, desenvolveranse tres sesións de debate. A primeira, centrada no Cine amateur e militante da Transición, coa participación de Cabanas Cao, Antón Caeiro e Xan Gómez Viñas, moderada por Ana Domínguez; a segunda, Do amateur ao profesional, coa presenza de Manolo Abad, Manolo Gonzalez e Milagros Bará, moderada por Marcos Gallego; e a terceira sobre a Representación da Transición no cinema contemporáneo, con Eloy Enciso, José Manuel Sande e Coral Piñeiro, moderada por Beli Martínez.
En paralelo, o programa de Trazas inclúe tres sesións de proxeccións, nas que poderán verse Conxo, unha experiencia, de Manolo Abad; CCCV, de Ramiro Ledo Cordeiro; A lei da terra, do Colectivo Grupo Zero; un conxunto de curtametraxes de Manoel da Costa; o censurado filme Rocío, de Fernando Ruiz Vergara; e a curtametraxe Andalucía 28F, de Nonio Parejo. Estes dous últimos filmes contarán coa presentación e coloquio posterior con Alejandro Alvarado, cineasta, docente e investigador, autor do libro La postcensura en el cine documental de la transición española.
Entradas, espazos e programación paralela
Como destacou a directora do festival, a MICE é unha actividade xurdida no Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo do Pobo Galego, polo que “a Mostra é sempre lugar de información, de formación e reflexión”. Nesa liña, ademais das proxeccións, nesta 19ª edición haberá actividades formativas, coas sesións de Lindes a cargo das cineastas Diana Gonçalves e Iván Castiñeiras, e co taller Creación audiovisual con dispositivos fáciles, impartido por Coral Piñeiro e Bruno Arias.
Outros dos eixos da 19 MICE serán a programación para escolares e familias, coa MICEscola e MICE Petís e, entre as actividades paralelas, destaca a exposición Da túa man para a miña, de Fran Rodríguez Casal, e a proxección de Os espazos en branco, do novísimo cineasta Bruno Arias.
Toda a programación da MICE é gratuíta e desenvolverase en catro espazos da cidade: o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal, o Salón Teatro e NUMAX. A grella e toda a información sobre como adquirir os billetes poden consultarse na web do festival mice.museodopobo.gal Na liña de acadar a accesibilidade, entre outras accións impulsadas polo festival, moitas das sesións contarán con subtitulado específico para persoas xordas.
A MICE conta co apoio do Concello de Santiago, a área de Cultura da Deputación da Coruña, e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.