‘LETTERS FROM GALICIA’, A SECCIÓN GALEGA DA MICE E O GFF NO LONDON SPANISH FILM FESTIVAL 

16 de agosto de 2023 – Por primeira vez en 19 anos, neste 2023 o London Spanish Film Festival contará cunha sección galega, grazas ao traballo conxunto da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo Galego e o Galician Film Forum (GFF). 

Letters from Galicia” é a nova sección do festival londiniense, que vai proxectar no Ciné Lumière de Londres obras de Eloy Domínguez Serén e de Diana Toucedo galardonadas na última edición da MICE.

O xoves, 21 de setembro, poderá verse “Al otro lado del mar“, de Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez, Premio na 18 MICE ao Mellor Filme na sección Galicia. Unha película na que os dous cineastas e amigos comparten aspectos das súas vidas e traballos nos seus respectivos países, a través de cartas filmadas. 

O filme volverá proxectarse o mércores, 27 de setembro, con coloquio posterior co realizador galego moderado por Adriana Páramo, cineasta e representante do Galician Film Forum. Ademais, esa mesma tarde proxectarase tamén unha selección de curtametraxes dirixidas por Diana Toucedo, entre as cales estará “Tatuado nos ollos levamos o pouso“, Premio CREA na 19 MICE, que fala sobre a vida das mariscadoras nunha vila do sur de Galicia. 

Así, o audiovisual galego faise un oco nesta cita co cinema español que o ano que vén celebrará o seu vinte aniversario e que albergaba xa dende había tempo seccións diferenciadas doutras comunidades como a catalá ou a vasca.