‘TOLYATTI’ E ‘AL OTRO LADO DEL MAR’, GAÑADORAS DA 18 MOSTRA INTERNACIONAL DE CINEMA ETNOGRÁFICO

Domingo, 19 de marzo de 2023

O xurado da 18ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico promovida polo Museo do Pobo Galego concedeulle o Premio MICE ao Mellor Filme na sección Internacional, dotado con 1000 euros e trofeo, a Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró. Producida por Boogaloo Films e distribuída por Begin Again Films, é unha película documental sobre o antigo símbolo do orgullo socialista, a cidade rusa de Tolyatti, convertida hoxe no Detroit ruso. O xurado valorou o seu tratamento “a través dunha mocidade sen perspectivas de futuro en constante confrontación coa vida dos e das súas maiores, unha situación extrapolable a case calquera lugar do mundo”. Tamén, o uso da cámara “cunha proximidade que se achega case de forma íntima á cotidianidade das e dos protagonistas”, e o equilibrio na montaxe usando imaxes de arquivo e actuais. 

O Premio MICE ao Mellor Filme Galego, dotado con 800 euros e trofeo, foi para Al otro lado del mar, unha longametraxe documental dirixida por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez na que os dous cineastas e amigos comparten aspectos das súas vidas e traballos en Galicia e Colombia. O xurado subliñou o feito de que “se adentre nun xénero tan pouco visitado como é a vídeo correspondencia”. Estas cartas filmadas “recollen historias persoais, memorias afectivas, unha viaxe por planos con diferentes épocas de rodaxe, diferentes culturas, contextos e épocas sociais, filmadas ademais nun momento histórico moi concreto”, que fan que sexa doado sentirse reflexado nas palabras, planos e sentimentos dos directores. 

Os directores agradeceron o galardón e o agasallo que supuxo volver reencontrarse por segunda vez en tres anos, e facelo en Galicia grazas á MICE.

O xurado da sección oficial da 17 MICE estivo formado pola cineasta e artista Tânia Dinís; polo educador, director e guionista Xoan Escudero e pola politóloga, xestora cultural e técnica de igualdade especialista en políticas do coidado con enfoque de xénero Sabela Losada.  

O Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica, dotado con 500 euros e trofeo, recaeu en Detached, de Vladimir Krivov, un filme cun gran dinamismo no que se “dá conta da heteroxeneidade interna da comunidade chuckchi, desde a minuciosa narración de feitos cotiáns ata a elaboración de diagnoses e reflexións existenciais de alto calado para escoller as voces chukchi”. O xurado valorou ademais que a película abra unha serie de interrogantes de carácter global, como a posibilidade de imaxinar dinámicas modernizadoras alén do aniquilamento de formas de vida tradicionais, ou oportunidade de abordar fenómenos como cambio climático desde a experiencia indíxena. 

Detached
Fotograma de ‘Detached’

O xurado AGANTRO estivo formado pola actriz, antropóloga e arqueóloga Paula Ballesteros; o antropólogo da universidade Austral de Chile Pablo  Rojas-Bahamonde; e a xestora cultural e representante da Asociación Sabela Losada. 

O Premio CREA, dotado con 200 euros e trofeo, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para o filme Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo. Unha curtametraxe sobre as mariscadoras dunha vila galega do sur de Galicia, da que o xurado resaltou especialmente a súa capacidade para situar a cámara “cunha mirada coidadosa, sensible a todos os elementos e símbolos, e fundindo os corpos na natureza”, transmitindo ao público a sensación de ter estado mariscando en Redondela.  

Tatuado nos ollos levamos o pouso
Fotograma de ‘Tatuado nos ollos levamos o pouso’

O Premio do Público foi para o filme galego Malgrat, de Santi Teijelo, quen agradeceu o galardón dun festival que “está sempre marcado no seu calendario”. 

O acto de entrega de premios celebrouse este mediodía no Auditorio do Museo do Pobo Galego, conducido polo actor, músico e dramaturgo Sergio Llauger; e que contou coa asistencia de Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón: a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Villar; e a directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; ademais de representantes do mundo do cinema e a etnografía. 

Segue a programación na 18 MICE

As proxeccións da 18ª edición da MICE remataron este domingo, pero a programación continúa. Este luns 20 e o martes 21, co taller para público profesional De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropología audiovisual, a cargo de  Belén Sola e Chus Domínguez, do Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental (LAAV), e coa presentación da Asociación Memoria e Cinema, o martes ás 19h30 no Museo.