A 18 MICE ENTREGA HOXE OS PREMIOS AO MELLOR FILME NAS SECCIÓNS INTERNACIONAL E GALICIA

Domingo, 19 de marzo de 2023

Este mediodía, ás 12h30, no Auditorio do Museo do Pobo Galego, terá lugar a entrega de premios desta 18 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. Será nun acto conducido polo actor, músico, director e dramaturgo Sergio Llauger. 

Pola tarde aínda se poderá ver unha película fóra de concurso, no marco da sección Lindes, coordinada polo MDOC de Melgaço. Ás 18h en Numax proxéctase Four Seasons in a Day, o documental belga-lituano dirixido por Annabel Verbeke que explora o concepto da identidade e comunidade nunha illa dividida por dúas fronteiras: unha física, entre o Reino Unido e Irlanda, a través do fermoso fiorde glaciar Carlingford Lough; e unha mental, entre opinións aparentemente incompatibles sobre o papel e o significado da fronteira. 

Fotograma Four Seasons in a Day
Fotograma de Four Seasons in a Day.

Este domingo rematan as proxeccións presenciais, pero a programación da 18ª edición da MICE continúa. Mañá, luns 20, e o martes 21 de marzo serán as xornadas dedicadas á formación. Belén Sola e Chus Domínguez, do Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental (LAAV), impartirán o taller: De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropoloxía audiovisual. Tamén o martes, ás 19.30 horas terá lugar no Auditorio del Museo a presentación da Asociación Memoria e Cinema.

Exposición Cómo reparar una grieta.

Ademais, ata o 30 de marzo continuarán dispoñibles para o visionado os filmes incluídos na MICE en liña. Tamén, ata o venres 31 de marzo seguirá aberta ao público na Ala Sur do Museo do Pobo Galego a exposición Cómo reparar unha grieta, de Marta Valverde. O 31 será tamén o día en que se proxecten no Museo as pezas creadas no programa de achegamento á realización de cinema etnográfico posto en marcha no marco da MICE Petís. Unha iniciativa titorizada polo DEAC do Museo e o creador e docente Bruno Arias, pola que o alumnado de tres institutos galegos e o grupo mozo do Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo realizarán a súa propia peza etnográfica. Ademais, a MICE Petís virtual continuará tamén dispoñible ata final de curso, para que os centros educativos poidan programar as proxeccións dos filmes da MICE na aula (inscricións en servizosdeac@museodopobo.gal).