Sábado, 18 de marzo de 2023
Este sábado, ás 20h30 en Numax, teremos a primeira das sesións de Lindes, a sección paralela coordinada polo MDOC – Festival Internacional de Documentário de Melgaço, o festival convidado desta 18ª edición. Proxectarase Dispersos Pelo Centro, de António Aleixo, unha viaxe polas Terras da Chanfaina na mirada de Tiago Pereira e o xeógrafo Álvaro Domingues.
Antes, ás 18 horas, desfrutaremos doutro filme portugués, Eldorado XXI, un dos seleccionados para a sección Impropias. Dirixido por Salomé Lamas, é un misterioso e inquietante documental etnográfico que amosa a vida no asentamento humano máis alto do mundo, La Rinconada e Cerro Lunar, a 5.100 metros sobre o nivel do mar, nos Andes peruanos.
O Museo do Pobo Galego acolle hoxe as dúas últimas proxeccións da sección Internacional. Ás 17 no Auditorio: La primera puerta, un filme ecuatoriano do Colectivo Súper Cuy sobre a comunidade campesiña; e ás 19h na Ala Sur, Tolyatti Adrift, o documental dirixido por Laura Sisteró sobre a cidade rusa de Tolyatti, antes símbolo do progreso e orgullo socialista e hoxe a máis pobre de Rusia. Mañá, domingo, coñeceremos os gañadores do premio MICE ao Mellor Filme na Sección Internacional e tamén ao Mellor Filme Galego desta décimo oitava edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico.
Pero antes, aínda nesta cuarta xornada da 18 MICE continúan, a partir das 19h no Auditorio do Museo do Pobo Galego, as proxeccións da sección Trazas, en colaboración co Cineclube de Compostela. Contras’ City, a curtametraxe dirixida e guionizada polo senegalés Djibril Diop Mambéty que amosa unha cidade de Dakar chea de contrastes; e Boca de lixo, un documental experimental do brasileño Eduardo Coutinho sobre o día a día das persoas que buscan entre os restos do vertedoiro de Itaoca, en San Gonçalo, a 40km de Río de Janeiro.
Toda a información sobre programación, entradas e espazos, aquí.