A PERFORMANCE e A EXPOSICIÓN DA ARTISTA MARTA VALVERDE, NA TERCEIRA XORNADA DA 18 MICE

Array

Venres, 17 de marzo de 2023

Cómo reparar una grieta é a proposta de Marta Valverde para esta 18 edición da MICE; unha exploración persoal do concepto de rurubanía. A exposición, que se inaugura hoxe, poderá visitarse ata o 31 de marzo. Ademais, esta tarde ás 19 horas na Ala Sur do Museo do Pobo Galego haberá tamén unha performance da artista. 

Porte de Clichy
Porte de Clichy

Continúan tamén as proxeccións. Ás 17h o Auditorio do Museo acollerá a estrea en Europa de Porte de Clichy, de Sébastien Marziniak, un dos filmes que compiten na sección Internacional. Unha película sobre un barrio dos arredores de París que vive unha metamorfose urbana sen precedentes, culminada coa chegada do novo Tribunal de París, unha torre de 160 metros, obra de Renzo Piano. 

Numax acollerá tamén programación nesta terceira xornada da 18 MICE. A partir das 20h30 teremos a terceira sesión de Trazas, unha das seccións parelalas, realizada en colaboración co Cineclube de Compostela. Proxectaranse as curtametraxes Al-Sandawich, da directora exipcia Ateyyat El-Abnoudy,  sobre a vida nunha aldea ao sur de El Cairo que semella ter escapado ao paso do tempo; The Conwy Crossing, dos británicos Stephen Hewitt e David Shaw, que narra a construción do túnel máis longo de todo Gales; e Guías turísticas satánicas: Polígono de Coia, de Vicisitud y Sordidez, un percorrido polo barrio vigués de Coia, exemplo do urbanismo franquista de finais dos sesenta. 

Cow, a particular homenaxe da cineasta británica Andrea Arnold ás vacas e ao servizo que nos prestan, porá o peche á xornada do venres na MICE, no marco da sección Impropias. O pase será en Numax, ás 22 horas.  

As entradas para todas as proxeccións son de balde. Toda a información sobre como conseguilas, horarios e espazos, aquí.