Xoves, 16 de marzo de 2023
Catro son as obras que optan ao Premio MICE ao Mellor Filme Galego e que poderán verse esta noite, a partir das 20 horas, no Teatro Principal. A primeira das proxeccións será a estrea en Galicia de Al otro lado del mar, unha coprodución galego-colombiana dirixida por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez. Unha correspondencia filmada a longo de tres anos na que os dous amigos e camaradas comparten aspectos sobre a súa vida e traballo. Haberá tamén un coloquio cos directores do filme e, a continuación, proxectaranse as tres curtametraxes que optan tamén ao galardón na sección oficial Galicia: a estrea mundial de Malgrat, de Santi Teijelo; Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo; e A festa do emigrante, de Sara Traba.
Ademais, este xoves no Museo do Pobo Galego poderemos desfrutar de catro dos filmes que compiten na sección Internacional. Na Ala Sur, ás 17h terá lugar a estrea en España de Detached, de Vladimir Krivov, un monólogo dun home chukchi e de toda a súa etnia; e ás 19h a estrea en Europa de Las colonias, de Luis Lazalde, un filme sobre unha comunidade menonita de orixe europea establecida no norte de México que ve ameazadas as súas tradicións ancestrais.
Ás 17h o Auditorio do Museo será o escenario da estrea en Europa de I nostri giorni, o filme da arxentina Gisela Peláez que retrata a poética do traballo artesanal, nun percorrido por varias cidades e recunchos de Italia. Ás 19h proxectarase Aylesbury Estate, de Carlotta Berti, un documental filmado durante anos que retrata o maior desenvolvemento social “brutalista” do Reino Unido, construído sobre ruínas vitorianas.
Tamén nesta segunda xornada da 18 MICE, na Numax, ás 20h30 poderemos ver a galardonada Destello Bravío, a ópera prima de Ainhoa Rodríguez. Ao finalizar a proxección, a cineasta e comisaria da sección Impropias conversará co xornalista e director de A Cuarta Parede, Jesús Silva, e co público asistente sobre a súa selección para a MICE.
As entradas para todas as proxeccións son de balde. Toda a información sobre como conseguilas, horarios e espazos, aquí.