A RECONSTRUCCIÓN DE CANTO DE EMIGRACIÓN CON MÚSICA CLÁSICA EN DIRECTO INAUGURA A 18 MICE

Mércores, 15 de marzo de 2023

A 18ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego dá comezo este mércores coa reconstrución que o cineasta Pepe Coira fixo do desaparecido filme de Antonio Román Canto de emigración. A cita é ás 20 horas no Teatro Principal, un dos espazos da cidade que, xunto co Museo do Pobo Galego e a Numax, acollerán a programación desta décimo oitava edición da MICE. 

Considerada na súa época como un dos raros exemplos de cine de vangarda en España, Canto de emigración (Romance en imágenes sobre motivos gallegos) (1934) contaba a historia dun campesiño galego que retorna pobre e enfermo do seu exilio en América. Malia que non se conservan copias do filme, si permanecía o guión e unha serie de fotografías da rodaxe, a través das cales Coira fixo a reconstrución. Tamén se conserva a partitura orixinal da música composta por Teódulo R. Páramos, que interpretará en directo sincronizada coa proxección a Orquestra Clásica de Vigo, a formación destas características máis antiga de Galicia.

A continuación, ás 22 horas, o Teatro Principal acollerá a primeira das sesións de Trazas, unha das seccións paralelas da MICE, organizada en colaboración co Cineclube de Compostela. Proxectarase As Cidades e as Trocas, un filme portugués dirixido por Luísa Homem e Pedro Pinho, que ten como tema de fondo a rururbanía, a temática que artella esta décimo oitava edición da MICE. De corte documental, narra a crise de crecemento do sector turístico experimentada a partir de 2008 en Cabo Verde, e as transformacións sociais e físicas que o conflito e a súa internacionalización xeran na paisaxe.

As cidades e as trocas
Fotogramas e cartel de As Cidades e as Trocas.

Toda a información sobre horarios, entradas e sedes, aquí.