A MICE PRESENTA O PROGRAMA DA 18ª EDICIÓN, CENTRADA NO RURURBANO E A PERSPECTIVA DE XÉNERO

Luns, 6 de marzo de 2023.- A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico impulsada polo Museo do Pobo Galego celebra a súa maioría de idade fiel ao seu obxectivo fundacional de fomentar o audiovisual como medio de reflexión antropolóxica e cunha especial atención á perspectiva de xénero. A presentación oficial da programación desta décimo oitava edición, que se vai celebrar do 15 ao 21 de marzo, tivo lugar este mediodía, coa presenza da presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; a concelleira responsable de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; o deputado provincial da Deputación da Coruña, Xosé Penas Corral; e o director da Agadic, Jacobo Sutil. 

A presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, agradeceu o traballo de todo o equipo da MICE, o apoio do público e, moi especialmente tamén, “a colaboración das institucións que a fan posible co seu soporte financeiro”. E apuntou que grazas a todos e todas eles esta mostra se converteu nun dos festivais especializados en cinema etnográfico de referencia non só a nivel galego e estatal, senón tamén europeo.  

Nesa liña se manifestou tamén a concelleira de Cultura de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, quen destacou a relevancia da MICE, “un festival xa consolidado, como constata o feito de que ano tras ano consiga mellorar a oferta de cinema etnográfico, o gran esquecido nas programacións comerciais”, e que “enriquece moitísimo a oferta cultural de Santiago de Compostela”.

O deputado provincial da Deputación da Coruña, Xosé Luis Penas Corral, puxo en valor o traballo conxunto das institucións que apoian a MICE -Concello de Santiago, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia- e fixo fincapé na posta en valor do rural que implica a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, suliñou que estamos vivindo “a idade de ouro do audiovisual, con proxectos que triunfan nos principais festivais do mundo e nas plataformas dixitais”. E apuntou que “parte imprescindible dese éxito son os festivais de cinema coma este”. Galicia, dixo Sutil, ten a sorte de contar con certames moi diversos en canto ao territorio que abarcan, ao público e ás temáticas. Nese sentido, insistiu no valor da MICE como festival diferenciado, que pon no foco a relación dos homes e mulleres co territorio.  

A directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira, debullou as claves desta 18 MICE, que ten como eixo temático a rururbanía, e que celebrará a súa sesión inaugural, o 15 de marzo ás 20 horas no Teatro Principal, coa reprodución que o cineasta Pepe Coira fixo do desaparecido filme de Antonio Román Canto de emigración. Unha reconstrución realizada a partir dos materiais que se conservan da película: o seu guión, unha serie de fotografías da rodaxe, e a partitura orixinal da música composta por Teódulo R. Páramos, que interpretará en directo, sincronizada coa proxección, a Orquestra Clásica de Vigo

A reconstrución de Canto de emigración con música en directo da Orquestra Clásica de Vigo protagoniza a sesión inaugural da 18 MICE

Seccións oficiais: Internacional e Galicia

Once traballos optarán ao premio MICE ao Mellor Filme no capítulo Internacional, sete deles de diversas nacionalidades e catro realizados en Galicia que compiten tamén polo premio MICE ao Mellor Filme Galego. Así, veremos as estreas en Europa da francesa Porte de Clichy, de Sébastien Marziniak; Las colonias, do cineasta mexicano Luis Lazalde; e o documental arxentino I Nostri Giorni, de Gisela Peláez; ademais da estrea en España de Detached, de Vladimir Krivov (Federación Rusa). Tamén, o filme ecuatoriano La primera puerta, do Colectivo Súper Cuy; a italiana Aylesbury Estate, dirixida por Carlotta Berti, e o filme español Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró. Entre os títulos galegos, desfrutaremos da estrea mundial de Malgrat, de Santiago Teijelo; a estrea en Galicia de Al otro lado del mar, de Eloy Domínguez Serén e o cineasta colombiano Samuel Moreno Álvarez; e as curtametraxes Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo; e A festa do emigrante, de Sara Traba. 

Todos os filmes optarán tamén ao Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, ao  Premio CREA, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección; e ao Premio do Público. A cerimonia de entrega de galardóns terá lugar o domingo, 19 de marzo, ás 12:30 horas no Museo do Pobo Galego, conducida polo actor e músico Sergio Llauger. 

18 anos con perspectiva de xénero 

A perspectiva de xénero define esta edición coa que a MICE acada a súa maioría de idade. Segundo destacou a súa directora, Ana Estévez Lavandeira, o 90% do equipo organizador e de produción son mulleres e a porcentaxe de autoras femininas na programación sitúase no 50%. Tamén, un ano máis, o festival dedica unha sección, Impropias, ao cinema etnográfico realizado por mulleres, comisariada pola cineasta Ainhoa Rodríguez, directora da premiada Destello Bravío

Nas seccións non competitivas volven tamén Trazas, en colaboración co Cineclube de Compostela; e Lindes, co MDOC-Festival Internacional de Documentário de Melgaço como festival convidado. 

Entradas, espazos e programación paralela

Toda a programación da MICE é gratuíta e desenvolverase en tres espazos da cidade: o propio Museo do Pobo Galego, o Teatro Principal e NUMAX.

Ademais das proxeccións, nesta 18ª edición haberá programación para escolares na MICE Petís, formación para profesionais, unha exposición e performance a cargo da artista Marta Valverde, e proxeccións virtuais a través da MICE en liña

Unha completa programación, que conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de cultura da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.