A 18 MICE CONSOLIDA O SEU COMPROMISO CO DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE E A AXENDA 2030

Xoves, 2 de marzo de 2023

Promovida polo Museo do Pobo Galego, a décimo oitava edición da MICE mantense como festival diferenciado, que ten como razón de ser a etnografía e a reflexión antropolóxica, a cultura e a sociedade humana. Características que fan imprescindible que a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible sexa unha prioridade para a organización. Con ese fin, a MICE leva xa varias edicións traballando no cumprimento da Axenda 2030, na busca da sustentabilidade, o coidado do medio ambiente e o benestar social. Este ano no que o festival acada a maioría de idade, se cabe, aínda con máis firmeza. 

Nese exercicio de responsabilidade co planeta, coa contorna e co público, as liñas de traballo principais son as seguintes:

ODS 4: educación de calidade. Conscientes do valor do cinema e os medios creativos no desenvolvemento sociocultural das persoas, especialmente das máis novas, nesta décimo oitava edición do festival, a MICE Petís incorpora unha novidade: un programa piloto para achegar a mocidade á realización de cinema etnográfico. Coordinado polo DEAC do Museo do Pobo Galego e o cineasta vigués Bruno Arias, o alumnado de tres institutos galegos e o grupo mozo dun dos centros culturais da cidade de Santiago de Compostela realizarán todo o proceso creativo dunha peza audiovisual, na que relatarán a súa visión sobre unha cultura e tradicións en continuo cambio. O resultado estrearase no marco da 18ª MICE. 

Ademais, como en anteriores edicións, ofrécese aos centros de ensino galegos a proxección dunha selección de filmes do catálogo histórico da MICE, fomentando así o audiovisual como método de aprendizaxe, de creación e de expresión para a mocidade.

School students at the Museo do Pobo Galego. 17 MICE

ODS 5: igualdade de xénero. É unha premisa básica na MICE. Nesta décimo oitava edición, o 90% do equipo de organización do festival son mulleres, cunha directora á fronte, Ana Estévez Lavandeira. A porcentaxe de autoras femininas na programación sitúase no 50% e, un ano máis, o festival dedica unha sección, Impropias, ao cinema etnográfico realizado por mulleres. En paralelo, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico impulsada polo Museo do Pobo Galego leva xa anos implementando iniciativas como o uso da linguaxe inclusiva e non discriminatoria. 

ODS 12: produción e o consumo responsable. É outro dos compromisos da organización durante todo o ano, na liña dos criterios da economía circular, baseados en reducir, reutilizar e reciclar. O festival eliminou nun 100% os plásticos dun só uso, coa utilización de vasos reutilizables e xarras para a auga; e emprega bolsas de algodón 100% reutilizables. Nese camiño cara a sustentabilidade, a MICE traballa con profesionais locais na súa maioría, e prima a proximidade na subcontratación de servizos.

Pacto Cultura Sustentable: como entidade participante, a MICE puxo en marcha unha serie de accións co fin de recoñecer e eliminar as barreiras que impiden a accesibilidade universal aos eventos. Con ese fin, resérvanse asentos ou localidades preferentes para persoas con mobilidade reducida, e o equipo da MICE ponse a disposición das persoas con necesidades especiais para facilitarlles a súa experiencia da asistencia a un festival que pretende ser un evento para o desfrute de todos e todas.