A MICE, o festival de cinema que organiza o Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela celebrará unha nova edición, a décimo oitava, do 15 ao 19 de marzo de 2023. Para esta edición da MICE abriuse hoxe o período de rexistro de filmes que queiran optar a facer parte da selección oficial. O festival conta con catro premios aos que optan todos os filmes seleccionados e un específico para os filmes galegos.
Para a edición de 2023, a temática que percorrerá toda a programación do festival é a Rururbanía, un concepto que segundo a organización, é definida “en relación a aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización dos espazos rurais. Nesta deslocalización das dinámicas metropolitanas, a mobilidade de persoas, ideas e formas culturais desdibuxaron a dicotomía rural-urbano e orixinaron formas híbridas. Nestas zonas de intersección aparece o conflito, o desencontro pero tamén xorden concomitancias,novas formas de resistencia, de pensamento, de socialización do patrimonio ou de prácticas culturais.”
A data de peche das inscricións é o 30 de decembro de 2022 e o rexistro pódese facer a través das plataformas, clickforfestivals, festhome e filmfreeway.
BASES/RULES http://www.museodopobo.gal/sites/default/files/Bases%2018%20MICE.pdf