PRESENTAMOS A IMAXE GRÁFICA DA 17 MICE!

O traballo centrará  todos os aspectos desta 17 edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. A imaxe gráfica está feita a partir dunha fotografía  dunha cheminea industrial, un elemento que remite aos  procesos fabriles da modernidade, e á vez, a un modelo que se replega fronte á forte tecnoloxización e dixitalización. 

Unha cheminea rehabilitada e protexida cunha estrutura de aceiro conserva os recordos do que foi Regojo, o grupo empresarial con sede en Redondela que empregou desde finais dos anos 50 do século pasado e ata a década dos 70  a máis de 1.500 persoas.  Regojo Fabricaba camisas de alta gama que se comercializaban en toda a Península Ibérica. Unha das súas marcas máis famosas foi a camisa “Dalí”, anunciada en televisión polo propio artista. O seu fundador, un zamorano próximo á raia portuguesa chamado José Regojo,  empezou a súa traxectoria empresarial en Portugal. Alí coñeceu a súa futura muller, a redondelá Rita Otero, e ambos deciden trasladarse á vila pontevedresa e establecer nela a súa vida e tamén a sede de camisas Regojo.  Tras décadas de presidir o día a día dos redondelanos e despois de converterse nun dos principais grupo téxtiles españois, a fábrica tivo que pechar a comezos dos oitenta. Dela só queda esa cheminea, fotografiada para esta 17 edición da MICE pola xornalista silledense Mónica Ares.

Pastora, unha das traballadoras de Regojo que estivo cosendo, planchando e facendo caixas nos últimos dez anos da fábrica,  lembra a  importancia que tiña esta empresa na vila. “Todo o mundo traballaba en Regojo!. Daquela, aínda sendo muller, non tiña medo a ir soa andando ao traballo  ás cinco da mañá porque as rúas estaban cheas de xente que ía ao mesmo sitio, á fábrica de camisas”. Das prendas di que ”as camisas era do mellor que había, sentaban moi ben, eran perfectas”.  Sobre o fundador da empresa téxtil tamén fala con cariño: “Don José (José Regojo), era o meu xefe, unha moi boa persoa e a súa muller, Rita Otero,  non a coñecín persoalmente porque morreu antes de eu traballar alí, pero todo o mundo falaba dela como unha excelente persoa”.  Da fábrica de Regojo só queda a cheminea: situada nun parque público con paneis informativos e rodedada dunha serie de elementos relacionados coa industria téxtil esculpidos en pedra polo alumnado do taller de garantía xuvenil Redondela Sostible.

A 17 MICE conta co apoio do Museo do Pobo Galego, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e Agadic. Celebrarase do 28 de marzo ao 2 de abril en Santiago de Compostela.